Escoitar

Abel Caballero: “O centro da cidade se está a redeseñar con esta obra”

No transcurso dunha visita aos traballos da futura terminal de autobuses, o alcalde valorou a transformación que está a experimentar o entorno de Urzáiz, coa estación do AVE deseñada por Thom Mayne, os accesos á autoestrada, a nova praza da estación e os ascensores ata Vía Norte.

luns, 19 abr 2021
De esquerda a dereita, Carmela Silva, Isabel Pardo de Vera, Abel Caballero, Alberto Núñez Feijóo e Ethel Vázquez
De esquerda a dereita, Carmela Silva, Isabel Pardo de Vera, Abel Caballero, Alberto Núñez Feijóo e Ethel Vázquez

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto as tenentes de alcalde Elena Espinosa e María José Caride, asistiron este luns á visita ás obras de construción da futura terminal de autobuses, emprazada no solar anexo á estación de Vialia, á que acudiron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e a presidenta de ADIF, Isabel Pardo de Vera, entre outras autoridades.

Os responsables das distintas administracións puideron constatar o avance dos traballos, que inclúen a demolición da estación provisional de Urzáiz. Ao remate do percorrido, e en declaracións aos medios alí presentes, Abel Caballero recordou a cronoloxía da transformación do entorno: “Vigo necesitaba un novo enfoque no ámbito das comunicacións, un cambio integral que conxuntara a conexión da cidade no ferrocarril”.

En primeiro lugar, o alcalde citou a decisión “tomada no 2008” de soterrar as vías para que o AVE entrase en túnel, facendo posible a futura saída sur en dirección a Portugal. O seguinte foi o edificio da estación e a “vida social, e aí aparece Vialia e a gran estación de Mayne”, explicou, co centro comercial e a praza superior de uso público. En terceiro lugar, “a conexión do centro coa estación do AVE e coa estación de autobuses, e neste momento estamos nesta parte tan importante, a de traer os autobuses ao centro, quitalos da periferia e facer a conexión total”, manifestou Caballero. A previsión é abrir a terminal de autobuses a finais do presente ano.

“Pero non bastaba e trazamos unha forma de interconexión da estación do AVE, de autobuses, do centro e da autoestrada”, asegurou o primeiro edil vigués. “Aí volvemos a unir forzas para o sistema de conexión por túnel”, pasos soterrados que tamén están actualmente en construción e que supuxeron a demolición do paso elevado sobre a rúa Alfonso XIII, “o molote residual que quedaba do scalextric”.

O alcalde indicou que “a cidade entende moi ben o que está a suceder, coa nova Praza da Estación, conectada cun ascensor con Urzáiz, e a inmensa praza de tres campos de fútbol de extensión que cubre a estación de ferrocarril, coa marabillosa arquitectura de Thom Mayne”. Caballero amosou a súa “gran satisfacción” co avance dos proxectos: “O centro da cidade de Vigo se está a redeseñar con esta obra, ampliámolo, dignificámolo e mellorámolo, por iso nos agrada ver o que está a suceder, nos agrada ver que cando nos poñemos mans á obra, o resolvemos”.

Para concluír, o rexedor apuntou que “de modo anecdótico, eu inaugurei a estación anterior, asistín á súa demolición, estiven na inauguración da provisional e hoxe asisto á súa demolición”. Abel Caballero augurou que o novo complexo de Urzáiz durará “décadas e décadas” e trasladou ás autoridades presentes “o noso recoñecemento, o noso agrado pola mobilización de esforzos”.

De esquerda a dereita, Carmela Silva, Isabel Pardo de Vera, Abel Caballero, Alberto Núñez Feijóo e Ethel Vázquez
Descargar todas as imaxes