O goberno de Vigo eleva o orzamento da convocatoria de libros e comedor escolar
Ademais, o Concello aumenta de 85 a 100 euros a contía para libros e material escolar por alumno, segundo informou este venres Abel Caballero. A Xunta de Goberno Local aprobou as bases do programa para o próximo curso, con “máis bolsas de comedor, de libros e máis atención do Concello á política social”.
“O Concello sigue cumprindo coa cidade”, subliñou en rolda de prensa o alcalde, quen anunciou que “elevamos substancialmente a partida de becas de comedor e libros” para a convocatoria do próximo curso escolar. A Xunta de Goberno Local aprobou este pasado xoves as bases para a súa concesión entre o alumnado de segunda etapa de Infantil, Primaria e Secundaria.
O orzamento reservado para libros e material escolar ascende ata os 135.000 euros e o importe a achegar as familias tamén sube, de 85 a 100 euros por cada alumno. Para comedor, segundo trasladou Caballero, a partida aumenta ata os 1.145.000 euros, ampliable noutros 185.000 euros de ser preciso e sen necesidade dunha nova convocatoria. Ademais, o goberno de Vigo destina anualmente outros 606.000 euros á Federación Olívica de Nais e Pais de Alumnos (Foanpas) tamén para os comedores, co que a dedicación do Concello a axudas escolares supera os dous millóns de euros.
Con respecto á última convocatoria, a administración local viguesa introduce algunhas novidades máis. Así, eleva do 40 ao 50% o primeiro pago aos colexios das axudas de comedor escolar, que se abonan no primeiro trimestre do curso, e inclúe a previsión de abono directamente ás familias no caso de que o Covid impida o normal funcionamento dos comedores dos centros educativos.
As bases indican os requisitos para optar ás axudas municipais, que no substancial non difiren dos de edicións anteriores: empadroamento en Vigo, estudar nalgún colexio da cidade e unha capacidade económica da unidade familiar que non exceda o 75% do IPREM. Sairán publicadas na web do Concello e no Boletín Oficial da Provincia, mais o prazo para presentar as solicitudes abrirase máis adiante, desde o día seguinte ao que o BOP recolla o extracto da convocatoria. Desde entón, as familias contarán cun prazo de vinte días hábiles. O alcalde afirmou que o Concello encargará a xestión e resolución da convocatoria a un equipo de cinco auxiliares administrativos.
Para o curso escolar actualmente en marcha, o Concello de Vigo resolveu conceder máis de 3.000 axudas de comedor e case 1.200 máis de libros e material escolar, segundo revelou o alcalde. Así, co orzamento incrementado para o próximo ano, se outorgarán “máis bolsas de comedor, máis bolsas de libros e máis atención do Concello á política social”, resumiu Abel Caballero.