Escoitar

O Concello lanza unha campaña de promoción do consumo no comercio de Vigo

Logo dunha reunión co sector, Abel Caballero trazou este xoves as principais liñas dunha proposta que procura mobilizar o gasto nos barrios mediante publicidade, actividades culturais e incluso o uso do bus turístico. “Confianza, seguridade e garantía” e “Todo o que gastas queda en Vigo”, entre os lemas da iniciativa.

xoves, 15 abr 2021
Abel Caballero presentou este xoves a campaña en rolda de prensa
Abel Caballero presentou este xoves a campaña en rolda de prensa

O alcalde presentou este xoves aos responsables de Vigo Comercio esta “importante campaña de promoción do pequeno e mediano comercio”, coa que o Concello anima a consumir “en cada barrio da cidade”. Á cita acudiron o presidente da entidade, Roberto Giráldez, o vicepresidente, Rubén Pérez, a presidenta de honra, Encarna Álvarez, e o xerente, Raúl Fontán.

En declaracións posteriores, Caballero argumentou que a intención do goberno que dirixe é poñer de manifesto a “calidade” destes establecementos, nos que “imos atopar o mellor e a moi bo prezo”. A proposta pivota sobre “tres elementos centrais: confianza, seguridade e garantía”, as que ofrecen estes establecementos, segundo explicou o alcalde, e sobre “unha idea de cidade: todo aquelo que se gasta no pequeno e mediano comercio de Vigo, queda en Vigo”.

Precisamente estes eixos están recollidos na campaña, que se levará a cabo con publicidade nas rúas e nos medios de comunicación, con lemas como “Compra no comercio de Vigo. No comercio da túa ría, do teu barrio, atoparás o mellor”, “Confianza, seguridade e garantía” e “Todo o que gastas queda en Vigo”.

Ademais, a iniciativa contempla organizar actividades culturais en todas as zonas comerciais da cidade, co obxectivo de atraer á clientela e “sempre con garantía Covid”, comunicou Caballero. E tamén para facilitar os desprazamentos entre e ata estas áreas, o Concello prevé empregar o bus turístico.

Abel Caballero presentou este xoves a campaña en rolda de prensa
Descargar todas as imaxes