O alcalde remodela o seu goberno para “reforzar a área de empresa, economía e fondos europeos”
“Vou presentar un número elevado de proxectos a Europa e teremos que redobrar a nosa atención ás empresas, á economía e aos proxectos europeos”, argumentou Caballero, polo que libera a Elena Espinosa de Recursos Humanos e Réxime Interior, asignados á edil de Contratación, Patrimonio e Xestión Municipal, Patricia Rodríguez.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este venres da remodelación do goberno que preside para “reforzar a área de economía, de atención a proxectos europeos e a empresas”, centrando á tenente de alcalde, Elena Espinosa, nestas actuacións e liberándoa da súa dedicación á fronte da Concellería de Recursos Humanos e Réxime Interior.
“Vigo vai optar a moitos fondos europeos”, explicou Caballero, quen recordou que el mesmo, como presidente da Zona Franca, pilota os proxectos de novas fábricas de baterías, hidróxeno verde e fotóns, que optan ao programa Next Generation EU. “Vou presentar un número elevado de proxectos a Europa, e desde aquí teremos que redobrar a nosa atención ás empresas, á economía e aos proxectos europeos”, engadiu o rexedor.
Para enfocarse nesta tarefa -Espinosa dirixe ademais a área de Seguridade-, “teño que liberarlle dunha parte de tempo e de acción”, indicou Caballero, polo que os departamentos de Recursos Humanos e Réxime Interior pasan á integrarse nas funcións de Patricia Rodríguez Calviño, concelleira de Contratación, Patrimonio e Xestión Municipal.