Escoitar

Xela Arias, homenaxeada cunha mostra bibliográfica na Casa Galega da Cultura

O alcalde, representantes da Fundación Penzol e a familia da autora – o seu fillo e a súa nai- a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas 2021, asistiron á apertura da exposición que permanecerá aberta ata o 31 de maio.

venres, 16 abr 2021

O alcalde puxo en valor a mostra como “acto de recoñecemento da excelencia literaria de Xela Arias que adquire aquí toda a súa dimensión” e agradeceu a Manuel Pugar, presidente da Fundación Penzol o labor de recollida.

Darío Gil, fillo de Xela Arias amosou o seu agradecemento ao Concello polo soporte institucional á exposición e á Fundación Penzol e trasladou o desexo de que esta sexa “unha das moitas mostras en Vigo, unha cidade onde desenvolveu a súa obra e onde fixo que teña as particularidades que ten”.

Os fondos da mostra proceden da Biblioteca Arquivo Fernández del Riego-Concello de Vigo e da propia Fundación Penzol e están agrupados en catro apartados: “Primeiras manifestacións escritas da súa infancia”: redaccións escolares, primeiro texto publicado…; “Xela Arias, poeta”: inclúe a súa obra de creación publicada; “Xela Arias, editora e tradutora”: selección dos libros traducidos e editados por ela e “No ronsel de Xela Arias”: diversos materiais posteriores ao seu falecemento, noticias e necrolóxicas do seu óbito; homenaxe póstuma…Ademais, incorpóranse fotografías da poeta.

 

 

Descargar todas as imaxes