Escoitar

O Concello inicia a modificación da ordenanza das escolas infantís municipais

Cos votos favorables do grupo popular e a abstención do grupo Mixto e do concelleiro non adscrito, o Pleno deu luz verde á aprobación inicial do proxecto de modificación da Ordenanza reguladora das taxas pola prestación do servizo das escolas de primeira etapa de Educación Infantil.

mércores, 31 mar 2021

A rede de escolas infantís municipais conta con 9 centros e oferta 661 prazas para crianzas de entre 0 e 3 anos cun presuposto que supera os 2 millóns de euros anuais e que, tal como expuxo no Pleno o edil de Facenda, Jaime Aneiros, "están totalmente financiadas polo Concello", que subvenciona máis de 3.500 euros de media por praza.

Apuntou o edil que desde o ano 2021 o goberno de Vigo construíu 5 novas escolas infantís dedicando recursos aos nenos para iniciar a súa escolarización e o seu desenvolvemento pero tamén co fin de servir de "panca de apoio" para a conciliación das familias da cidade. Ademais, o Concello cofinancia as dúas escolas infantís da Xunta de Galicia na cidade con 205.000 euros anuais. A modificación da ordenanza inicia a tramitación co obxectivo a "estender" as bonificacións ás familias apoiando ás nais e pais da cidade e favorecendo a escolarización.

Xabier Pérez Igrexas, concelleiro non adscrito, trasladou a súa coincidencia no sentido da proposta e apostou por unha "maior progresividade pensando nas familias con menos recursos". Rubén Pérez, voceiro do grupo Mixto, propuxo ampliar o criterio de exención a familias con ingresos inferiores a 500 euros mensuais e Alfonso Marnotes, voceiro popular, apuntou que a modificación da ordenanza deriva da Xunta de Galicia, que establece a gratuidade do segundo fillo nas súas escolas infantís.

Dación de conta
O concelleiro Jaime Aneiros deu conta do informe de Intervención e do resumo dos resultados do control interno do exercicio 2020 que pechou con máis de 46.900 actuacións da Intervención Municipal, 349 actuacións de contratación, 296 intervencións e 440 actuacións de selección de persoal. Tamén informou do Plan anual de auditorías e control financeiro do Concello en 2020 e da memoria do Tribunal Económico-Administrativo correspondente a 2020, que viu afectada a súa actividade pola pandemia e celebrou 24 sesións e resolveu 226 asuntos. Sobre a Resolución de Alcaldía pola que se aproba o perímetro de consolidación e os marcos orzamentarios para o período 2022-2024, Aneiros explicou que se remitiu ao Ministerio de Facenda coas liñas previstas de actuación para eses exercicios.