Escoitar

Vigo demanda que a Xunta de Galicia apoie ao Marisquiño con 500.000 euros

O goberno de Vigo presentou a moción no Pleno deste mércores, que conseguiu o respaldo de todos os grupos salvo do Partido Popular, que se abstivo. O texto solicita do executivo de Feijóo unha achega ao festival “acorde á contribución económica que xera para Vigo e para Galicia”.

mércores, 31 mar 2021

A Corporación municipal de Vigo, reunida este mércores en sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de marzo, acordou “instar á Xunta de Galicia a realizar unha achega económica de 500.000 euros para a celebración do Festival O Marisquiño”. A moción foi promovida polo grupo socialista e apoiada pola unanimidade dos e das edís, coa excepción da abstención dos catro representantes do Partido Popular na cidade.

A exposición previa ao acordo subliña a aposta “decidida no económico” polo festival realizada polo Concello de Vigo baixo a presidencia de Abel Caballero, “incrementando progresivamente a achega económica e converténdose no primeiro e principal patrocinador, coa colaboración da Deputación de Pontevedra nos últimos anos, como así se recoñeceu publicamente desde a organización”.

O documento recolle que a Xunta de Galicia dedica 60 millóns de euros ao Xacobeo e 2,5 millóns de euros ao festival O Son do Camiño, a través da Axencia de Turismo de Galicia. “Sen estar en contra do apoio á industria cultural de Galicia”, aclara, “a Xunta de Galicia debe facer a mesma aposta por un festival tan importante como O Marisquiño e destinar unha achega acorde á contribución económica que xera o mesmo para a cidade de Vigo e para Galicia”.