A Corporación pide axudas autonómicas ás perruquerías e un IVE reducido
Incluídas nunha moción máis ampla presentada polo concelleiro Xabier Pérez, o Pleno aprobou solicitar do Goberno de España a rebaixa do imposto ao 10% e á Xunta de Galicia diálogo co sector “para adecuar os programas de axudas e permitir o seu acceso aos mesmos”.
O edil nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, presentou ante o Pleno deste mércores unha moción sobre “medidas necesarias fronte á crise industrial e comercial” na cidade de Vigo, texto con seis puntos propostos para acordo que foron votados de forma separada. Así, saíron adiante os dous últimos, relativos ás perruquerías, barberías e centros de estética.
O Pleno validou, en primeiro lugar, “urxir ao goberno español a reducir o tipo de IVE ao 10% para evitar o feche de máis establecementos e a destrución de emprego”. Actualmente, o imposto para esta actividade é do 21%, toda vez que o Goberno de España elevouno no ano 2012. Sen ningún voto en contra, os concelleiros propoñente, da Marea e do Partido Popular votaron a favor, mentres que os edís do goberno vigués abstivéronse.
En segundo lugar, os corporativos vigueses tamén deron luz verde ao último punto da moción, que insta á Xunta de Galicia “a dialogar co sector das perruquerías, barberías e centros de estética para adecuar os programas de axudas ás súas características específicas e permitir o seu acceso aos mesmos”. Neste caso, os grupos municipais socialista e do Partido Popular abstivéronse e o nacionalista e Marea votaron a favor.