O alcalde eloxia o labor da AECC na atención ás familias e na investigación
Abel Caballero participou este mércores no acto de entrega simbólica dunha bolsa de investigación da Asociación Española contra o Cancro a Joao Miguel Fernández que traballa coa biopsia líquida.
No acto, celebrado no Auditorio Municipal na Praza do Rei o alcalde recoñeceu “o esforzo, traballo e a súa acción atendendo ás familias e ás persoas enfermas así como o labor no ámbito da investigación” da Asociación Española contra o Cancro.
A presidenta da Xunta Provincial de Pontevedra da AECC, María del Carmen Abeledo, fixo entrega da axuda de 200.000 euros a Joao Miguel Fernández, investigador post doutoramento da Universidade de Vigo que estuda o método da biopsia líquida paraa detección e seguimento do cancro.
23.700 euros en 122 axudas de emerxencia
O rexedor informou da celebración dunha nova comisión de axudas de emerxencia na que se concederon 122 axudas por valor de 23.700 euros. “Esta é a nova forma de aplicación da política social nas emerxencias. Imos dedicar os recursos que fagan falta cada vez que sexa preciso “, subliñou.
Nestes momentos, hai 38 prazas ocupadas no albergue municipal, 12 prazas na Fundación Santa Cruz e 36 persoas aloxadas en hostais e hoteis da cidade. En total, dende o inicio da segunda vaga da pandemia, foron 78 as persoas atendidas en hostais e hoteis, tendo en conta que ninguén é expulsado nin do albergue nin dos aloxamentos segundo explicou Caballero.
Tal e como apuntou, na súa maioría son persoas transeúntes, sen ningún ingreso, de entre 35 e 45 anos, o 70% homes e o 30% mulleres. Reiterou o alcalde que “todo o mundo sen teito está sendo atendido en Vigo, tamén os que rexeitan un aloxamento”.