Escoitar

O Concello xa traballa para asegurar e abrir ao público as galerías soterradas da Fortaleza do Castro

Abel Caballero informou este mércores de que o Concello xa solicitou á Consellería de Cultura a autorización para levar a cabo diversas actuacións nas galerías soterradas da Fortaleza do Castro. O alcalde espera que os túneles poidan abrirse ao público no prazo dun ano.

mércores, 16 dec 2020

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou este mércores en rolda de prensa que o Concello de Vigo traballa xa na recuperación dos pasos soterrados da Fortaleza do Castro para a súa integración na recentemente mellorada muralla e a posta en valor para o desfrute dos cidadáns, tendo redactado un informe por un equipo multidisciplinar para inspeccionar as galerías, proceder ao seu desentullo e a súa adecuación para que se poidan visitar.

“Estamos preparando a actuación, fixemos un informe cun equipo multidisciplinar e xa enviamos a documentación para a autorización de Cultura, todo o proceso pode tardar un ano e o que queremos é facer rutas guiadas para visitar”, explicou o rexedor.

A proposta remitida á Consellería de Cultura contempla a execución de varios traballos previos que garanten a seguridade da apertura do túnel. Así, está previsto un informe de xeotecnia con recollida de mostras e ensaios in situ, así como a realización da inspección de tomografía eléctrica, determinando a prolongación da galería selada e doutras posicións aprobadas, e o levantamento topográfico das galerías accesibles, determinando a súa posición e profundidade.

Ademais, o alcalde tamén indicou que o proxecto inclúe a apertura do acceso norte selado e o acceso dun espeleólogo para determinar de forma visual as condicións de seguridade, así como os traballos por parte do arqueólogo de forma paralela coa redacción do proxecto

O Concello pretende levar a cabo o desentullo parcial dos accesos bloqueados da galería para facilitar o paso dunha persoa, a inspección final por parte do xeólogo para a determinación das condiciones xeotécnicas da zona ata o tempo inaccesible polo interior e a redacción do proxecto de execución de posta en valor e museografía.

Fortaleza do Castro

A Fortaleza do Castro é unha instalación militar construída durante o segundo terzo do século XVII. Durante a execución das recentes obras da súa posta en valor, e por mor dunha perforación prevista na zona leste, procedeuse ao destapado, acceso e rexistrado esquemático do trazado dunhas galerías referidas polo persoal municipal.

A certeza da súa existencia evidénciase en distintos planos da fortaleza entre os que destacan o elaborado por Eugenio Antonio Doffus Vélez Dávila, no ano 1705 e que interesan especialmente porque nel veñen representadas as galerías soterradas. Segundo o plano, pódese apreciar unha rede de galerías que dende o extremo norte, entre os baluartes do Couto e do Diamante, adéntrase en dous ramais diferentes, un frontal de escaso desenvolvemento e un lateral cara o sur en paralelo á cortina que posteriormente forma unha retícula de tres galerías transversais a unha lonxitudinal paralela á de acceso.

Estas redes soterradas de galerías eran cotiás neste tipo de instalacións militares e a súa utilidade era moi ampla, para desprazamento de persoas e materiais realizadas a cuberto, zonas de refuxio, para almacenaxe e para todo tipo de intendencia.

No caso das galerías da Fortaleza do Castro semella que se trata dunha rede pequena e con pouca capacidade, segundo testemuña nos relatos da invasión inglesa de 1719 e o asedio ao que someteron á fortaleza.