Escoitar

O goberno de Vigo adxudicará por 1,87 millóns a reforma da Praza da Estación

A proposta de adxudicación definitiva deberá ser ratificada na Xunta de Goberno Local, despois de pasar este martes pola Mesa de Contratación. Abel Caballero recordou que a praza, contra o muro, acollerá a fachada da antiga terminal ferroviaria e un novo elevador ata o cruce de Urzáiz con Vía Norte.

martes, 15 dec 2020

“Unha nova obra do Concello para seguir recuperando espazos”. O alcalde explicou que as obras farán posible a humanización da rúa Baixada á Estación e da propia Praza da Estación, por importe próximo aos 1,9 millóns de euros. “E xa saben: suma e sigue”, anotou.

A previsión é que as obras se prolonguen por un prazo máximo estimado en seis meses, e se executen en dúas fases, comenzando pola rúa Baixada a Estación para proseguir despois coa praza propiamente dita. Segundo explicou Caballero, a reforma incluirá a renovación das canalizacións e redes de servizos soterradas, o traslado dun centro de transformación existente na zona, nova pavimentación, xardinaría, farois, mobiliario e elementos de protección. Na propia Praza, o proxecto contempla novas luminarias, verde e unha pérgola con teito de cristal, ademais de, contra o muro que dá a Urzáiz, a reconstrución da fachada de pedra da antiga terminal ferroviaria, desmontada e almacenada hai décadas.

En paralelo, e de forma independente a esta remodelación, o Concello prevé a instalación dun ascensor desde o acceso á nova terminal de Vialia ata a unión de Vía Norte con Urzáiz, onde ata o de agora se atopaban as escaleiras. O goberno presidido por Abel Caballero incluíu este novo servizo do Vigo Vertical -cun orzamento de 450.000 euros- nos proxectos a sufragar con cargo aos 33 millóns de euros do remanente municipal, que o Pleno debaterá precisamente este mesmo mércores para a súa aprobación definitiva.