Escoitar

A Oficina Municipal de Información ó Consumidor recibiu numerosas queixas sobre o dereito de admisión en locais

xoves, 24 mai 2001
A Oficina Municipal de Información ó Consumidor (Omic) sinala que a Lei que regula os dereitos dos usuarios turísticos establece o dereito á non discriminación no acceso ós establecementos públicos, con independencia do aspecto, calzado ou roupa utilizados.

A Omic recibiu numerosas queixas en relación coa restricción na entrada a lugares públicos, por cuestións de vestimenta ou calzado, e informa de que isto pode ser considerado como discriminación no acceso a establecementos turísticos e, por tanto, contrario ó establecido como dereito fundamental do usuario.

A Omic remítese á Lei 9/1997, de 21 de agosto, de Ordenación e Promoción do Turismo en Galicia, no referido ó dereito de admisión en establecementos turísticos, especialmente restaurantes, cafeterías, cafés, bares, tabernas, discotecas e salas de festas, entre outros.

As persoas que se consideren discriminadas por serlle impedido o acceso a establecementos públicos, agás que en lugares visibles se anuncie calquera reserva que non sexa contraria á citada Lei, poderán poñelo en coñecemento dos axentes da autoridade, a fin de que acudan ó local e levanten acta na que deixarán constancia puntual dos feitos.

Aconséllaselles ós afectados que presenten a correspondente denuncia ante a Oficina Municipal de Información ó Consumidor do Concello, ou que se dirixan ás oficinas de Turismo competentes da Xunta de Galicia.