Escoitar

Vigo contará cun Consello Municipal de Participación Cidadá

mércores, 23 mai 2001
O Consello Municipal de Participación Cidadá de Vigo é un órgano consultivo e de participación sectorial creado co obxectivo de ofrecer asesoramento, consultas, propostas, información, comunicación e debate de cara a que os vigueses tomen parte na vida política, social, económica e cultural da cidade.

O Consello é tamén un órgano de colaboración activa naquelas cuestións de interese para as organizacións non lucrativas da cidade. Está destinado a facer propostas que lles afecten ós cidadáns, por unha mellora continuada no diálogo, na relación e nos servicios que o Concello de Vigo mantén con estas entidades e cos cidadáns para incrementar e soster a calidade de vida da cidade.

O Consello estará conformado por arredor de 40 persoas que se reunirán, en convocatoria ordinaria, cada tres meses.

Representantes dos consellos sectoriais e territoriais municipais, do movemento asociativo, concelleiros, técnicos municipais, dos colectivos veciñais, de institucións, sindicatos e empresarios formarán parte deste Consello Municipal. Incorporaranse cidadáns que non pertenzan a ningunha asociación e que abranxan distintos sectores de poboación en función de xénero, idade e profesión, segundo explicou a concelleira Mariló Cabaleiro. Un representante da Consellería de Xustiza e Relacións Laborais tamén pertencerá a este grupo.

Poderán constituírense comisións de traballo para a elaboración de informes, estudios e propostas de actuación e nas que poderán participaren os expertos que sexan requiridos polo Consello.


Relación de consellos sectoriais constituídos no Concello de Vigo

Consello Económico e Social

Consello da Infancia

Consello Municipal da Muller

Consello Escolar Municipal

Consello da Xuventude

Consello Local de Consumo

Consello de Persoas Maiores

Consello Sectorial de Medio Ambiente

Consello Sectorial de Cooperación Internacional

Consello Municipal de Transporte Urbano Colectivo de Viaxeiros

Consello Municipal de Deportes

Consello do Control de Concesionarias de Servicios Públicos Municipais

Consello Local de Servicios Sociais