Escoitar

A Comisión Europea certifica a boa calidade das augas de todas a praias de Vigo

martes, 22 mai 2001
imx247.jpg
Todas as praias de Vigo presentan boas condicións para o baño. Así aparece reflectido nun informe da Comisión Europea que outorga a cualificación de “boa calidade” ás augas dos areais do municipio.

O informe, presentado en Bruxelas polo departamento de Medio Ambiente da Unión Europea, contén análises das seguintes praias de Vigo: Carracido, Figueiras e Rodas, nas illas Cíes: A Punta, na Guía: A Fonte, Samil, O Vao, os Olmos, As Barcas, Canido, Fuchiños, Saiáns, Serea, Sta Baia e Alcabre. Todas elas merecen para as autoridades europeas a cualificación de “augas de boa calidade”.



Comezaron as obras de acondicionamento da ribeira do Lagares entre Balaídos e Castrelos

Comezaron os traballos de acondicionamento da ribeira do Lagares entre Balaídos e Castrelos, unha zona que nestes momentos só é accesible para a cidadanía no contorno inmediato da ponte medieval. Un dos obxectivos desta actuación é o de completar o paseo que parte da Avenida da Castrelos para facelo chegar ata a rúa Val Miñor, a carón de Balaídos.

O proxecto que se vai executar prevé a ampliación da canle do río para evitar posibles desbordamentos en períodos de chuvias. Despois limparanse e acondicionaranse as marxes. Para construír o paseo vai ser necesario o derrubo de parte dun taller que na actualidade chega á mesma beira do río. O paseo vai ser de xabre, tal e como esixe o Plan Especial de Protección do Lagares, para provocar o menor impacto posible na zona. Comezará na marxe esquerda, a continuación da ponte medieval, e despois continuará pola dereita cruzando o río a través dunha pasarela.

Nesta actuación está previsto tamén o ensanche e a construcción de beirarrúas na ponte que cruza o río na rúa Ponte Romana. Mentres se executa esa obra, habilitarase un acceso provisional aos garaxes situados na parte traseira da Avenida Alcalde Portanet.

Descargar todas as imaxes