Escoitar

“El alcalde de Zalamea”, de Calderón de la Barca: O teatro clásico español

mércores, 23 mai 2001
imx256.jpg
A segunda representación do ciclo MOARE, que organiza a Concellería de Cultura do Concello de Vigo, está dedicada ó teatro clásico español, cunha obra escrita por Pedro Calderón de la Barca que está considerada como unha das mellores que realizou o dramaturgo. A representación será o día 24 ás 20:30 horas no Teatro-Cine Fraga.

“El alcalde de Zalamea” chega ós escenarios vigueses da man da compañía teatral de Francisco Portes, especializada na difusión do teatro clásico dende a súa fundación, alá polo ano 1990. Cun interese especial nas obras clásicas escritas en verso, a compañía ten representado pezas nos escenarios de España e América, e obtivo importantes premios, conseguindo ata trece galardóns en España, México e Estados Unidos. A empresa teatral puxo en escena, ó longo da súa traxectoria de once anos, obras de Moreto, Molière, Lope de Vega, etcétera.

O propio Francisco Portes é o encargado de dar vida ó protagonista da obra, Pedro Crespo, alcalde de Zalamea, na adaptación do orixinal de Calderón de la Barca realizada por Enrique Llovet. A montaxe que agora chega a Vigo da man da Concellería de Cultura é unha nova producción, xa que a primeira adaptación da obra de Calderón foi realizada por esta compañía no ano 1996.

Os personaxes seguen o fiel reflexo de caracteres que deseñou o autor cando escribiu a obra. Son retratos da sociedade da época perfectamente definidos, nos que destaca, pola súa forma de ser sinxela e pacífica, o do alcalde Pedro Crespo, adaíl onde os haxa e dotado dunha fina ironía que fai do personaxe central da obra un dos valedores máis importantes da producción calderoniana.

“El alcalde Zalamea” está incluída, dentro da ampla producción de Calderón, dentro da categoría de comedias históricas e lendarias. Ten reminiscencias dalgunhas das obras de Lope de Vega, pero a formación exquisita do autor fai que o verso, así como a posta en escena e a descrición dos personaxes e das situacións acade cotas moito maiores, tanto na narración como na calidade do diálogo. Non en van, Calderón de la Barca está considerado coma un dos dramaturgos españois clásicos cunha maior erudición e formación, tanto académica como literaria.

O verso que o autor empregou na obra foi considerado polos expertos en Literatura Española coma un dos máis depurados, que cualificaron o resultado da peza como unha “auténtica linguaxe teatral”.

Pedro Calderón de la Barca, (1600-1681) tivo a azarosa vida da maioría dos autores da época, pero con características definidas que se impregnan na súa producción literaria, da que “El alcalde de Zalamea” e “La vida es sueño” son quizais os mellores expoñentes da súa basta producción, con máis de trescentas pezas escritas. A súa formación, debida ós xesuítas, e a súa posterior vocación sacerdotal –que o achegou ós lugares máis eruditos da sociedade da época– tiveron moita influencia na calidade dos seus escritos, inspirados no mundo clásico.

A versión que fai a compañía de Portes de “El alcalde Zalamea” é, na opinión dos críticos, unha das mellores produccións do último ano. Un auténtico clásico nun ambiente perfectamente logrado, que supón un símbolo nas representacións teatrais que se poden ver na nosa cidade.

Descargar todas as imaxes