Escoitar

O alcalde celebra a inclusión do AVE directo por Cerdedo e da saída sur ferroviaria nos PGE de 2021

Os Orzamentos Xerais do Estado para 2021 recollen as demandas da cidade respecto do AVE, ao incluír avances na variante de Cerdedo e na saída sur, cun estudo relativo á conexión Vigo-fronteira portuguesa en alta velocidade para pasaxeiros e mercadorías. Para Caballero, son unhas contas “enormemente satisfactorias” que, ademais, recuperan proxectos como a Biblioteca do Estado.

xoves, 29 out 2020

O alcalde “saudou con entusiasmo” as partidas para Vigo que se recollen o documento orzamentario aprobado polo Executivo Central que aúna "absolutamente todo" o que demandaba a cidade, "non poden recoller máis" porque os grandes proxectos, como o AVE ou a saída  sur ferroviaria, foron "paralizados" por gobernos anteriores e aínda teñen que pasar por estudos e informes antes da súa execución. Na súa opinión, as contas p´ublicas  reúnen as pretensións que esta cidade ten respecto da alta velocidade, xa que inclúen unha partida para seguir co estudo hidroxeolóxico da conexión directa por Cerdedo así como un estudo relativo á conexión Vigo-fronteira portuguesa, é dicir, a saída sur en alta velocidade para pasaxeiros e en mercadorías. Destacou que a Biblioteca do Estado  volve a estar en marcha despois de sete anos de ausencia co goberno de Mariano Rajoy. Respecto a este proxecto, explicou a importancia cualitativa dos 100.000 euros recollidos nas contas porque é unha mostra dun compromiso firme para construír unha dotación para a que o Concello tramitará ao longo do ano que vén o cambio de clasificación do solo en terreos da rúa Lalín para que sexa dotacional público.

Case 15 millóns para a seguridade do aeroporto, 56.000 euros para a Muralla do Castro -que estará rematada en breve-; o Eixo Atlántico, a electrificación do tren, así como o Instituto de Investigacións Mariñas na Etea, dotado con 300.000 euros, son algunhas das partidas que o rexedor destacou. O documento orzamentario tamén recolle o estudo funcional da saída e do túnel da autovía a O Porriño.

A supresión da peaxe de Redondela, “gran nova para a área metropolitana” e a rebaixa das peaxes en toda a autopista tamén contribuíron á valoración “enormemente satisfactoria” que o rexedor realizou esta mañá dos PGE para 2021. Rematou agradecendo ao Goberno Central a súa implicación con Vigo e resaltando de novo a importancia da posta en marcha da saída sur ferroviaria, unha conexión estratéxica con para a cidade con Lisboa, Oporto e Madrid.