O Pleno avala a activación de normas provisionais para poder construír en Martínez Garrido
A concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, defendeu esta mañá unha proposta que permitirá edificar en dous solares situados entre as rúas Martínez Garrido, Sagunto e Valladolid. Deste xeito, o Concello activará o Instrumento de Ordenación Provisional, tras a caída do PXOM de 2008, unha vez recibidos os informes favorables da Xunta de Galicia.
O Pleno municipal deu luz verde hoxe por unanimidade o “Estudo específico da situación derivada da anulación do Plan Xeral de Ordenación municipal de Vigo 2008, no ámbito do polígono 32 do PERI do Calvario como Ordenación Provisional”. Tal e como explicou a concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, esta aprobación permitirá construír nunha mazá formada polas rúas Martínez Garrido, Sagunto e Valladolid a través do Instrumento de Ordenación Provisional, tendo en conta que este solo estaba rexido polo Plan do 93, unha vez suspendido o PXOM de 2008.
Trátase de dous solares que están cualificados no PXOM de 2008 como solo urbano consolidado e, polo tanto con licenza directa, o que permitirá completar a trama urbana da zona e mellorar a imaxe tapando as medianeiras actuais e cumprindo así o principio de desenvolvemento sostible e recuperación da cidade compacta.
Os informes ambiental e urbanístico da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático e da Dirección Xeral de ordenación do territorio e Urbanismo conclúen a procedencia da clasificación deste espazo como solo urbano consolidado e, polo tanto, procede activar as medidas de ordenación provisional neste ámbito.
Rexistro de parellas de feito
Outro dos asuntos que recibiu na sesión Plenaria desta mañá o apoio unánime de todos os grupos foi a supresión do Rexistro Municipal de Parellas de Feito do Concello de Vigo. Tal e como se acordou, manterase a tramitación das solicitudes de certificacións das inscricións xa practicadas no Rexistro durante a súa existencia, que seguirán producindo os efectos xurídicos que tiveron ata o de agora. Tamén se seguirán tramitando as solicitudes de cancelación ou baixas. O Concello procederá de xeito inmediato a publicar este acordo no Boletín Oficial da provincia, no Portal de Transparencia e na páxina web municipal.