Escoitar

Vigo demanda 12 millóns á Xunta para os colexios públicos de Infantil e Primaria

A Corporación municipal de Vigo solicitou no Pleno deste mércores que os orzamentos autonómicos de 2021 inclúan unha partida de 12 millóns para abordar a reforma integral de centros públicos da cidade. A moción foi presentada polo goberno de Vigo e obtivo o apoio de todos os grupos, salvo do PP.

mércores, 28 out 2020

O acordo proposto non obtivo ningún voto en contra, mais a abstención do Partido Popular impediu a súa aprobación por unanimidade. O texto finalmente ratificado insta á Xunta de Galicia “a introducir nos orzamentos do ano 2021 unha partida de 12 millóns de euros para abordar a reforma integral de centros públicos educativos da cidade de Vigo, asumindo así as súas competencias”.

Na exposición de motivos, o documento afirma que a maior parte dos colexios de Infantil e Primaria da cidade teñen máis de catro décadas de vida, unha antigüidade que “dificulta a súa adaptación aos novos usos e necesidades da comunidade educativa”, unhas carencias acentuadas pola pandemia.

O texto denuncia “falta de investimento” autonómico e “abandono dos centros educativos da cidade” por parte da Xunta, que “debería reformar, adecuar, modernizar e mellorar as instalacións dos centros públicos de Infantil e Primaria da nosa cidade para garantir unhas instalacións dignas e axeitadas para a mellora da calidade educativa”.