Escoitar

A Corporación pide máis orzamento sanitario, acceso a ambulatorios e reforzar a Atención Primaria

A moción foi elaborada e impulsada pola plataforma SOS Sanidade Pública, presentada por Marea de Vigo e apoiada por todos os grupos salvo o PP, que votou en contra este mércores. O acordo solicita á Xunta un incremento do orzamento sanitario, acabar coas restricións de acceso aos centros de saúde e incrementar o persoal de Atención Primaria, entre outros puntos.

mércores, 28 out 2020

Só os catro concelleiros do grupo municipal do Partido Popular decidiron votar en contra desta moción na sesión plenaria ordinaria celebrada este mércores no Concello de Vigo, que pola contra obtivo o respaldo dos 23 edís restantes.

“A loita contra o coronavirus non debe ser á conta da saúde xeral”. Esta frase encabeza o documento redactado pola plataforma SOS Sanidade Pública, que conclúe con sete acordos que foron ratificados hoxe polo Pleno da Corporación, o primeiro, “solicitar á Xunta de Galicia que incremente o orzamento sanitario e garanta que os fondos estatais sexan destinados á sanidade pública de Galicia”.

En segundo lugar, a moción aprobada esixe “que se poña fin ás restricións de acceso aos centros de saúde, que están limitando as actividades de promoción, prevención e recuperación da saúde da poboación. A atención telefónica debe ser un complemento á presencial e non a única opción para a poboación”. O terceiro punto pide “incrementar o persoal dos equipos de Atención Primaria, garantíndolles unhas condicións de traballo dignas, un equipamento adecuado e o libre acceso a probas diagnósticas”.

Un cuarto acordo demanda “acabar coa parálise dos servizos hospitalarios”, para o que se propón “crear circuítos separados para persoas con Covid e con outras patoloxías e abrir os centros pola tarde para acabar o máis pronto posible coa enorme lista de agarda xerada durante a pandemia”.

O Pleno require dar “participación aos concellos e aos representantes da poboación na loita contra o Covid nas áreas sanitarias” e “desenvolver os instrumentos de participación social na sanidade, poñendo en marcha o Consello de Saúde de Galicia e os Consellos de Saúde de Área Sanitaria”. Por último, a moción aprobada pide “proporcionar información real e actualizada das persoas afectadas en cada localidade, para que os concellos e a poboación coñezan a transcendencia da pandemia e colaboren activa e responsablemente na súa solución”.