Escoitar

Touporroutou ofrece unha xornada de xogos na ludoteca de Lavadores

O programa ¿Xogas? en galego podemos leva actividades de dinamización lingüística o venres 30 de maio ás 18:30 á Ludoteca de Lavadores para que os cativos de 4 a 10 anos disfruten dun ambiente de lecer no que poidan expresarse en galego.

xoves, 29 mai 2003
Touporroutou ofrecerá un repertorio composto por cancións, contos, xogos e danzas tradicionais combinadas seguindo un guión para ofrecer un espectáculo no que o máis importante é a participación e creatividade. O traballo baséase na recuperación e interpretación dun repertorio tradicional infantil escollido para que os nenos teñan un coñecemento de cómo se divertían os avós.

Preséntase unha nena facéndolle preguntas ao seu avó para saber como se divertían cando eran pequenos. Pregúntalle sobre contos, adiviñas, xogos, cancións e bailes que lle irá mostrando aos demais nenos participantes incitándoos á participación nos mesmos. Deste xeito, quérese transmitir a rica herdanza cultural dos maiores ás novas xeracións para colaborar a manter vivas as tradicións e fomentar o uso da lingua galega a través da transmisión oral.

Preténdese que os nenos participen de forma activa deste repertorio para axudar a que poñan o máximo de atención nas explicacións que lles dan os monitores e facer que aumente a súa concentración e escoita. Coa súa participación nestas cancións-xogo e danzas-xogo, ademais de divertirse, interiorizan o movemento e o ritmo, o que contribúe ao mellor desenvolvemento psicomotor. Ademais, ao seren danzas en grupo axudan a fomentar o compañeirismo e as relacións humanas entre eles.

Tamén se contan e dan a coñecer obras de autores galegos mostrándoas na propia actuación e isto espertará a curiosidade e interese dos nenos pola lectura, contribuíndo ao coñecemento da literatura infantil.