Escoitar

Vigo tramita xa o novo PXOM cos obxectivos de ampliar zonas verdes e solo industrial e “compactar” a cidade con 50.000 vivendas

Abel Caballero ofreceu este luns as liñas básicas do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para iniciar “o debate en detalle” que conclúa coa súa aprobación no horizonte de 2023. O Documento Inicial Estratéxico e o Borrador xa foi remitido á Xunta para iniciar a tramitación administrativa.

luns, 13 abr 2020
O alcalde, en videconferencia.
O alcalde, en videconferencia.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este luns de que o Concello de Vigo xa remitiu o pasado 7 de abril á Xunta de Galicia o Documento Inicial Estratéxico e o Borrador do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para solicitar á administración autonómica a Avaliación Ambiental Estratéxica.

“Iniciamos a tramitación para coñecer opinións da cidadanía e de todos os sectoes, levar a cabo un debate en detalle, xa que agora temos una foto de satélite do Plan e queremos baixar a cinco metros para analizar o deseño total”, sinalou o rexedor durante a súa videconferencia cos medios de comunicación.

Caballero explicou as liñas básicas do PXOM e destacou as previsións de construción de vivenda, a ampliación de zonas verdes e de solo industrial e a apertura de novas estrada, así como de dotacións para a cidade.

Vivenda

Segundo explico o alcalde, a previsión de nova vivenda ronda as 50.000 co obxectivo de “compactar” a cidade. Trátase dunha estimación moi por debaixo da que figuraba no Plan de 2008, onde estaban previstas 120.000 vivendas.

“Agora fixemos unha previsión realista, con folgura”, sinalou antes de explicar que actualmente en Vigo existe un parque de 143.000 vivendas. Tamén destacou que os principais ámbitos de desenvolvemento serán o coñecido como Ofimático (na contorna da Avenida de Madrid), o eixo entre Avenida de Europa, Samil e Navia, e o barrio da Seara.

Solo industrial

No tocante á ampliación de terreo destinado a uso empresarial, o PXOM prevé gañar máis de 2 millóns de metros cadrados de solo industrial. Caballero mencionou a ampliación do PTL de Valadares e o polígono de Balaídos (500.000 m2) e o de A Pasaxe (500.000 m2).

Ademais, está contemplada a construción de novos polígonos, como o de Ameal (70.000 m2), Sobreira (500.000 m2), Puxeiros e a mellora de toda a contorna de Avenida de Madrid e Meixoeiro (sen delimitar).

Zonas verdes

O Plan Xeral de Vigo tamén inclúe un total de 3,5 millóns de metros cadrados de zonas verdes. O alcalde mencionou a creación de oito novos parques (pasando de 6 a 14) e unha grande área lineal ao longo do río Lagares. Tamén indicou a conexión co río desde O Calvario e a Gran Vía. Por último, a recuperación das dunas de Samil e O Vao son outro dos obxectivos principais.

Dotacións

Respecto ás novas dotacións, Abel Caballero lembrou que está xa proxectada a nova Biblioteca do Estado e tamén apuntou á nova Cidade Deportiva, cuns 100.000 metros cadrados na zona da Balsa, en lugar de Valadares.

Novas estradas

O Plan inclúe tamén unha nova estrada de comunicacións que nacería na Autovía A-55. Esta parte desde Baruxáns (na conexión coa futura autovía Vigo-O Porriño) ata a avenida Clara Campoamor e desde aí ata Pereiró, A Balsa, PSA e Balaídos. Tamén está prevista a integración da autoestrada AP-9 cun novo enlace na rúa Buenos Aires e con zonas de humanización.

Prazos de aprobación

Abel Caballero fixou o ano 2023 como horizonte para a aprobación definitiva do PXOM. Así, espera que a Xunta dea unha resposta á Avaliación Ambiental este mes de outubro e que no primeiro trimestre de 2021 poida levarse a cabo a aprobación inicial.

Descargar todas as imaxes