O Concello recibe 900 pantallas protectoras fabricadas por Asime e a UVigo
O alcalde mantivo un encontro por videoconferencia con Enrique Mallón e Daniel Villanueva a quen lles recoñeceu a “importantísima contribución á cidade” que supón a entrega destes escudos faciais protectores.
Abel Caballero trasladoulle a Enrique Mallón, presidente da Asociación de industrias metalúrxicas, e a Daniel Villanueva da Universidade de Vigo o “agradecemento da cidade” polo traballo desenvolvido para fabricar e entregar 900 escudos faciais que foron entregados onte ao Concello para axudar na protección dos profesionais municipais que interactúan coa cidadanía. Recoñeceu o rexedor “a importantísima contribución á cidade e ao Concello”, que supón a recepción deste material e eloxiou o papel de Asime e da Universidade que “motu proprio reman ao lado das necesidades de Vigo e Galicia”.
Enrique Mallón, presidente de Asime, cualificou a entrega como un “éxito coordinado pola Asociación e a UVIGO dentro do programa Escudocovid19, un proxecto internacional”, no que colaboran 15 empresas do metal de Vigo de xeito “cento por cento solidario de principio a fin”, empresas de transportes ou materiais “que nos unimos para axudar” nos servizos que presta o Concello e para axudar a diferentes centros sanitarios da área de Vigo e de Ourense cun “grande esforzo”. Avanzou tamén que seguirán proporcionando pantallas faciais nos próximos días coa vantaxe de que son da “máxima calidade tanto o material como o proceso de fabricación, case as únicas homologadas polo Sergas e a área sanitaria de Vigo e polo tanto de máxima protección”.
Daniel Villanueva, da Universidade de Vigo, destacou que a iniciativa trasladouse a Galicia a través do director Cintecx, o Centro de Investigación Tecnolóxico Industrial da Uvigo, e nela participan diferentes investigadores porque “a universidade está para para colaborar coas necesidades da sociedade e atopamos solucións adaptables ás situacións”.