Escoitar

O teléfono 010 do Concello de Vigo estará operativo durante toda a Semana Santa

Abel Caballero informou este mércores de que o Concello de Vigo terá aberta as liñas telefónicas do 010 para atender todas as peticións dos cidadáns tamén durante a Semana Santa. Ademais, as axudas de emerxencia xa suman máis de 377.000 euros e as comidas repartidas desde a cociña do albergue chegan a 4.790.

mércores, 8 abr 2020

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este mércores de que o Concello de Vigo manterá aberta as liñas telefónicas do 010, desde as 08:00 ás 20:00 horas, para poder atender todas as solicitudes de cidadáns que precisen axuda.

“Ven unha ponte longa e manteremos aberto o servizo telefónico para todas as necesidades que requiran da atención do Concello”, indicou o rexedor na videoconferencia diaria cos medios de comunicación. Tamén indicou que xa se ampliaron as liñas do 010 e que se instalou a tecnoloxía necesaria para que as traballadoras poidan atender as chamadas desde casa. “O 010 segue operativo e imos ter tamén catro traballadoras sociais de garda durante estes días festivos”, engadiu.

Respecto ás becas de comedor, o alcalde explicou que xa está aprobada a concesión de 500 novas axudas para familias que a solicitaron e que o montante de este tipo de achegas xa é de 1.533. Segundo explicou, o total das axudas de emerxencias entregadas polo goberno local xa superan os 3.100 beneficiarios e o gasto do departamento de Benestar Social en todos os capítulos suman máis de 377.000 euros.

Pavillóns e comidas

Pola súa banda, a cociña do albergue municipal de Marqués de Valterra xa repartiu, desde o 16 de marzo, un total de 4.790 menús, entre os almorzos, comidas e ceas do propio albergue, do pavillón do Berbés e do servizo a domicilio.

O alcalde insistiu en que o Concello xa ten preparado un novo pavillón para persoas sen fogar e que no Berbés (cun custe de 40.000 euros) e houbo a pasada noite un total de 47 persoas, o que unido ao albergue, á Fundación Santa Cruz e aos acollidos en pensións e hostais suman un total de 144 persoas.