Escoitar

O goberno de Vigo duplica a asignación ao Banco de Alimentos e adquire material de protección para os Bombeiros

A Xunta de Goberno Local reúnese este xoves de forma telemática e, segundo adiantou este mércores Abel Caballero, prevé ampliar o convenio co Banco de Alimentos para asignarlle outros 40.000 euros máis ao ano. Ademais, adxudicará o subministro de elementos de protección para o equipo de Bombeiros encargado da desinfección.

mércores, 8 abr 2020

O alcalde informou dalgúns dos principais asuntos que prevé tratar a Xunta de Goberno Local na reunión que se celebrará este xoves por videoconferencia.

Segundo adiantou Caballero, o goberno vigués ampliará o convenio co Banco de Alimentos de Vigo para asignarlle outros 40.000 euros anuais, elevando o total que recibirá a Fundación aos 83.000 euros. “Practicamente imos duplicar” a contía, constatou o alcalde: “O seu traballo é excepcional e queremos acompañalos”.

Tamén no eido social, o goberno presidido por Abel Caballero afrontará este xoves a asignación de dous traballadores máis á área de Benestar, dous auxiliares administrativos que elevarán a sete o número de novas contratacións no citado departamento.

Por último, o alcalde referiuse á adxudicación dun contrato de emerxencia para o subministro de elementos de protección para os efectivos de Bombeiros que participan cada día na desinfección de distintos espazos da cidade. O contrato presenta un importe de 23.000 euros, segundo detallou.