Escoitar

A Policía Local distribúe máscaras entre a cidadanía que se despraza para traballar

O alcalde explicou que, desde hoxe e xunto coa Policía Nacional, entregarán 15.000 máscaras enviadas polo Goberno de España no transporte urbano, estacións de trens e autobús e nas entradas dalgúns centros de traballo da cidade.

luns, 13 abr 2020

A Policía Local iniciou este luns, en colaboración coa Policía Nacional, a distribución de 15.000 máscaras de protección enviadas polo Goberno de España na cidade desde a madrugada e ata as 09:30 horas da mañá aproximadamente. Os axentes realizaron este “reparto masivo” no transporte público, incluídas as paradas, en coches privados que acudan a centros de traballo con máis dunha persoas ou na entrada a empresas significativas da cidade, entre elas, Metalships ou os estaleiros de Beiramar. Tamén distribuíron na estación de tren de Urzáiz, na estación marítima e na de autobuses, nas paradas de auotbús urbano de García Barbón, Camelias, Cruce Choróns e praza de Urzáiz.

Caballero avanzou que “estamos estudando para repartir coa filosofía e instrución de atender a mobilidade”, seguindo o criterio do Goberno, facilitando a protección da cidadanía que vai en transporte público ou en automóbiles particulares a centros de traballo, engadindo que lle “gustaría repartir noutros sitios onde se aglomera xente” pero, indicou, é “unha decisión do Goberno de España” que ten dispoñibles 10 millóns de máscaras.

Ademais, o alcalde de Vigo instou á Xunta de Galicia a explicar cantas máscaras repartiu na cidade e que criterios usou no reparto do material de protección en Galicia, dado que no primeiro que realizou Vigo quedou fóra e no segundo enviaron 14.000 e estaban todas caducadas e “non sabemos que facer, se repartilas ou non, non somos autoridade sanitaria polo que non temos criterio”. Lembrou que o Concello enviou varias cartas á Xunta pedindo resposta sobre que facer “porque non se poden repartir e dez días despois a Xunta segue sen responder” e apuntou que Vigo precisa que a Xunta envíe EPI´s os espazos de illamento para persoas que dean positivo e non teñan un domicilio no que estar.

Controis da Policía Local

O rexedor informou este luns dos controis realizados pola Policía Local onte domingo para garantir o cumprimento do Real Decreto do estado de alarma que se saldaron con 38 persoas sancionadas e 382 controis en vehículos.

Entre as intervencións realizadas Caballero sinalou o caso de dúas persoas que circulaban no autobús urbano sen baixarse en ningunha parada, unha nai e unha filla paseando, unha persoa que baixa á rúa cos seus fillos para xogar, un home paseando por Samil, unha persoa tomando cervexa no parque de Coutadas ou un grupo de mozos charlando na rúa. O alcalde rexeitou estes comportamento pedindo á cidadanía “moita atención porque está en xogo a vida da xente. Temos que estar recluídos e quedar na casa atendendo á saúde”.

Descargar todas as imaxes