Escoitar

O Concello prevé iniciar en marzo as obras do túnel de Lepanto e dos accesos á nova estación

A mesa de contratación clasificou xa as ofertas presentadas á licitación das obras do túnel que unirá a rúa Lepanto coa autoestrada AP9 amais da adecuación de toda a conexión co centro Vialia, que ten un orzamento de 11,8 millóns de euros.

luns, 3 feb 2020

 

O alcalde avanzou este luns a previsión que manexa o goberno municipal de iniciar as obras do túnel de Lepanto e da conexión de Vialia coa autoestrada no mes de marzo, logo de ter clasificadas xa as ofertas presentadas á licitación da mesma.

Así o Concello “adxudicará as obras nuns días”, o que supón para o rexedor “avances importantes” nun proxecto que ten un orzamento de licitación de 11,8 millóns de euros, dos que ADIF achega o 75% para os accesos e a totalidade da conexión co centro Vialia, mentres a Xunta achega o 4% da obra e o Concello máis do 21%.

Ademais,o Concello procederá a humanizar os espazos intersticiais; as zonas que quedan baleiras entre a Estación e os accesos, que se converterán en áreas verdes e de recreo. Estas obras que teñen un orzamento de 900.000 euros, tal e como explicou Caballero, engloban a praza da estación e o núcleo intermodal e serán financiadas polo Ministerio de Fomento nun 75%. Estes espazos inclúense na addenda ao convenio entre Adif, Concello e Xunta, pendente de asinar.