Escoitar

O Concello aproba as bases do desfile de comparsas e do concurso de disfraces do Entroido

O goberno de Vigo vén de dar o seu visto bo á transferencia de 85.000 euros para os actos do Entroido vigués, que se celebrará do 21 ao 26 de febreiro. Ademais, validouse as bases para participar nos concursos de disfraces e no desfile de comparsas, que será o sábado 22 ás 18 horas.

venres, 31 xan 2020

Abel Caballero informou da aprobación da subvención para a organización dos actos do Entroido vigués, un total de 85.000 euros en favor da Agrupación de Centros Deportivos e Culturais e da Federación de Peñas Recreativas “El Olivo”.

Xunto á transferencia dos fondos, o goberno de Vigo aprobou as bases e convocatoria dos concursos de disfraces e do desfile de comparsas, ademais da programación festiva a celebrarse entre o 21 e o 26 do vindeiro mes de febreiro. Os concursos de disfraces, se o tempo o permite, se celebrarán diante do MARCO, en Príncipe, desde as 17:30h nas categorías individual e grupo conxuntado infantil (ata os 13 anos) e desde as 18:30h para a individual e grupo conxuntado xeral (desde 14 anos). As inscricións, na mesma rúa do Príncipe desde unha hora antes do inicio de cada concurso.

O desfile de comparsas partirá do nó de Isaac Peral ás 18h do sábado 22 de febreiro. Mantén o percorrido habitual, con finalización en Porta do Sol, mais o Concello prevé un final próximo alternativo en caso de que as obras de peonalización o impidan, segundo confirmou Abel Caballero. As comparsas deberán ter un mínimo de 35 integrantes e haberá premios de 3.000, 2.500 e 2.000 euros respectivamente para os tres primeiros e catorce accésits de mil euros cada un.

Programa
O alcalde desvelou as actividades do Entroido vigués deste ano, comezando o venres 21 de febreiro con animación de rúa en Príncipe e Porta do Sol desde ás 18 horas, entronización do Meco ás 20h e posterior concerto de Soraya Arnelas. O sábado, novamente animación da rúa no centro pero desde as 17h, co desfile-concurso de comparsas e carrozas ás 18h e concerto de Ketama na Porta do Sol para pechar a xornada.

Para o domingo, os merdeiros estarán no centro histórico en horario de mañá e tarde. Ás 10h arranca en Príncipe a carreira popular infantil e unha hora máis tarde, a categoría de adultos e veteranos, con saída en Porta do Sol e percorrido por Elduayen, Paseo de Alfonso, Pi y Margall, Lopez Mora, Camelias, Romil, Cachamuiña, Pracer, Progreso, Doutor Cadaval e final na Porta do Sol. Na tarde do domingo, animación de rúa de 17 a 19h en Príncipe e Praza da Princesa, actuacións infantís ante o MARCO ás 17h e chocolatada infantil ás 18h no mesmo emprazamento.

O luns 24, obradoiros e animación infantil de 17 a 20h diante do MARCO, cunha chocolatada infantil ás 18h. O martes 25, novamente os merdeiros polo centro histórico en horario de mañá e tarde, os concursos de disfraces ante o MARCO e a queima do Meco ás 22:30h na Porta do Sol.

O mércores 26 de febreiro, exequias funerarias solemnes das comparsas e acompañamento da comitiva ás 18h, en Porta do Sol, Príncipe, Colón, Policarpo Sanz e volta á Porta do Sol. Este será o punto de celebración do enterro do Meco, ás 19:30h, cos oficios laicos, responsos e sermóns, e lectura da acta do xurado e entrega de premios dos concursos de comparsas e carrozas.

Ante os traballos de peonalización da Porta do Sol, todos os actos programados neste emprazamento poderían verse afectados e modificados en función das obras.