Escoitar

Vigo acolle un seminario internacional sobre emprego feminino

O II seminario "Emprego e cidadanía activa das mulleres", no que participa a Concellería da Muller, celebrarase do 5 ao 9 de maio en Vigo.

mércores, 30 abr 2003
Vigo, a través da Concellería da Muller, é un dos municipios socios deste proxecto internacional xunto a Rosario, de Arxentina; Montevideo, de Uruguay e Región Toscana de Italia. Este programa enmárcase dentro da iniciativa comunitaria URB-AL (Europa e América latina) sendo o municipio de Sao Paulo (Brasil) quen exerce a súa coordinación ante a Unión Europea.

A concelleira de Muller, Ana Gandón, afirmou que o programa principiou en marzo de 2002 e ten unha duración total de 18 meses, "co obxectivo de promover experiencias locais dirixidas a grupos de mulleres de sectores desfavorecidos para a creación de oportunidades de traballo, emprego e xeneración de renda", como elemento indispensable para o exercicio de cidadanía das mulleres. Quérese ademais o fortalecemento institucional das concellerías da Muller na proposta de políticas de emprego e renda para as mulleres.

Ana Gandón explicou que, de maneira específica, se pretende que o proxecto "promova o fortalecemento dos organismos municipais de políticas públicas para as mulleres, con estratexias xerais de traballo dentro das estructuras do municipio, posibilitando o seu avance na concepción dun modelo de políticas públicas de emprego e renda para as mulleres nunha perspectiva non discriminatoria".

Experiencia piloto

Para o desenvolvemento desas experiencias en cada país ou concello socio, o orzamento do proxecto prevé que o municipio coordinador traspase a cada socio unha cantidade de 31.668 euros. A Concellería da Muller destinará este importe á posta en marcha dunha experiencia piloto coa Coordinadora de mulleres contra a violencia "Ovarias" (a través dun convenio de colaboración coa Concellería) que consiste na formación e capacitación dun grupo de mulleres víctimas de violencia para que desenvolvan un proxecto de xestión empresarial. Deste xeito, constituirase unha sociedade cooperativa: "Empresa de servicios e atención ás necesidades familiares".

A experiencia piloto consta dunha fase de formación e capacitación empresarial que lles permita ás participantes iniciar un proxecto nas mellores condicións posibles. A sociedade cooperativa adicarase a ofrecer un servicio de axuda a domicilio orientado ás persoas maiores, menores e atención de tarefas domésticas.

O proxecto tamén difundirá materiais didácticos da experiencia así como a publicación dunha investigación sobre o estudio de experiencias de iniciativas económicas lideradas por mulleres, que poidan ser replicables e exemplificantes.