Escoitar

Vigo reclama un ratio de enfermería que poida garantir unha atención segura á cidadanía

O tres grupos municipais votaron a favor das peticións do sindicato Satse instando ao Goberno de España a un acordo vinculante para establecer unha dotación adecuada de enfermeiras que podan garantir unha atención segura á poboación.

mércores, 27 feb 2019
1551291395firma.JPG
O Pleno Municipal do Concello de Vigo aprobou este mércores na sesión ordinaria de febreiro una proposta do grupo socialista para mellorar o ratio de enfermeiras por paciente que permita garantir unha atención segura á cidadanía.

A moción, levada a pleno en base ás peticións do sindicato de enfermería Satse, insta ao Goberno de España a aprobar, a través dun acordo vinculante da conferencia sectorial do Consello Territorial, o establecemento dunha dotación adecuada de enfermeiras, con igualdade e equidade entre comunidades autónomas e provincias, mellorando a cohesión territorial en materia sanitaria e socio sanitaria.

No texto ratificado polos tres grupos municipais tamén solicitan fixar unha atención segura e de maior calidade a poboación española, a través dunha lei que determine o número máximo de pacientes asignados asegurando que serán tratados cos mesmos niveis de coidados, independentemente do lugar do que residan.

Cayetano Rodríguez, concelleiro do PSOE, explicou que actualmente España conta con 5,3 enfermeiros por cada 1.000 pacientes e no caso de Galicia son 4,1, polo que está moi lonxe da media europea de 8,8 e aínda máis dos 16,9 que ten Dinamarca ou os 13,3 de Alemaña.

Na moción foi aprobada igualmente a petición para asegurar a través do establecemento destes ratios, o sostemento do sistema sanitario español, ao dotalo do número suficiente de persoal de enfermería como investimento prioritario xerador de importantes retornos económicos, sociais e de saúde da poboación.

O voceiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez, apuntou que o ratio actual de Galicia "é un insulto en comparación con Europa" e mencionou as cifras de Navarra ou País Vasco, máis acordes con resto dos países europeos.

Ángel Piñeiro, concelleiro do PP de Vigo, mostrouse de acordo coa moción e puntualizou que desexaría que a petición se manteña "estea quen estea no Goberno central".
Descargar todas as imaxes