Escoitar

O Concello aproba o proxecto do novo aparcamento nos terreos da antiga fábrica Álvarez

O alcalde avanzou este martes a aprobación do proxecto de construción dun estacionamento gratuíto para 78 vehículos, na esquina de Ramón Nieto con Manuel Álvarez, cun orzamento de 48.000 euros. As prazas son "moi necesarias" na zona, argumentou Caballero, quen engadiu que o prazo de obras será dun mes.

martes, 15 xan 2019
O Consello da Xerencia municipal de Urbanismo aprobará esta semana o proxecto de obras de construción dun aparcamento nunha parcela do antigo Grupo de Empresas Álvarez, en concreto na confluencia das rúas Ramón Nieto e Manuel Álvarez.

Así o anunciou este martes o alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen adiantou que o proxecto contempla un mes de obras desde o seu inicio. O Concello adicará ao efecto algo máis de 48.000 euros para habilitar os terreos e dispor dun total de 78 prazas, "moi necesarias para a zona", explicou Caballero. O aparcamento terá dous accesos para peóns e outros dous para vehículos, un desde Ramón Nieto e outro desde Manuel Álvarez.

Camiño Redomeira
Por outra banda, segundo engadiu o alcalde, o goberno de Vigo tamén aprobará o proxecto de obras de ensanche do Camiño Redomeira, unha vía "irregular" con "casas que entran no camiño" que o Concello pretende "uniformizar" no seu trazado. Caballero recordou que xa se solucionou un dos estreitamentos existentes e agora se propón ensanchar outro tramo do camiño, cun importe de 48.000 euros.