Escoitar

O alcalde subliña o "crecemento excepcional" do aeroporto e avoga por un voo anual a Londres

O alcalde valorou este luns o "crecemento excepcional" de Peinador, que en 2018 sumou 1.130.000 pasaxeiros, un 6% máis que o ano anterior, como consecuencia do "apoio que estamos a dar desde o Concello". Caballero avanzou que o goberno de Vigo traballa para ter un voo a Londres todo o ano e ultima un concurso público.

luns, 14 xan 2019
O aeroporto de Vigo rexistrou no pasado mes de decembro un incremento de viaxeiros do 13,7% con respecto ao mesmo mes do ano anterior, o maior das tres terminais galegas e unha cifra que permite a Peinador concluír 2018 con 1.130.000 pasaxeiros en total, un 6% máis que no 2017.

Trátase dun "crecemento excepcional" para o alcalde de Vigo, quen puxo en valor este dato como resultado do "apoio que estamos a dar desde o Concello". "Seguimos crecendo", anotou Caballero, quen avanzou que o goberno vigués traballa para conseguir "de forma estable" un voo a Londres durante todo o ano, con 180 prazas, ademais de continuar co destino París e reforzar outras conexións. Ao respecto, Abel Caballero avanzou a convocatoria dun concurso público.

Preguntado pola presenza de Ryanair en Vigo, o alcalde explicou que a compañía opera actualmente pola súa conta no aeroporto vigués, eloxiou o "bo traballo" que fan na cidade e asegurou que lle gustaría unha "relación estable" da compañía irlandesa con Peinador, pendente da contratación pública.