Escoitar

O Concello arranca o mércores a última fase da humanización de Camelias con 2.165.000 euros

O alcalde deu conta esta mañá dun investimento de 5,8 millóns en obras en marcha ou a punto de comezar. En concreto, referiuse á última fase da humanización de Camelias, á remodelación de Marqués de Valterra -xa rematada- e ao parque de Camilo José Cela, estas dúas últimas actuacións, con ascensor incluído.

luns, 10 dec 2018
O alcalde deu conta esta mañá do inicio o mércores da humanización da última fase da rúa Camelias, cun investimento de 2.165.000 euros. Tal e como explicou, aínda que as catas remataron as obras continuarán con control arqueolóxico. Os traballos incluirán renovación de pavimentación, do abastecemento, das redes de alumeado, melloras de seguridade viaria, a recuperación dun novo espazo público entre os números 19 e 21 que permitirá a creación dunha nova senda verde de unión. Esta última fase de obras eleva a 7,2 millóns a inversión total en Camelias.

Caballero avanzou tamén que a semana que vén se inaugurará a segunda fase da humanización de Marqués de Valterra así como a "excepcional" obra do ascensor. O orzamento deste proxecto foi de 871.000 euros.

Seguindo con actuacións no Vigo Vertical, o venres 14 chegará a columna do ascensor de Juan Ramón Jiménez, que mide 15 metros, mentres que o próximo 19 de decembro chegará a pasarela de 40 metros que conectará o ascensor con rúa Pi i Margall. O custo do elevador, "unha peza de arquitectura maxistral" e a remodelación do parque Camilo José Cela ascende a 2,8 millóns. Estas dúas iniciativas están incluídas dentro da estratexia EDUSI, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.

Estación Vialia
O próximo xoves, a Xerencia de Urbanismo aprobará o proxecto de expropiación por urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para executar o proxecto integrado Centro Vialia Estación de Vigo (fase I). Trátase, explicou, do inicio do expediente para someter a información pública por prazo de quince días a relación das sete fincas afectadas nesta primeira fase da actuación.