O goberno local reclamará a eliminación da peaxe Vigo-O Porriño mentres non sexa realidade a nova autovía
O goberno municipal defenderá no próximo Pleno municipal unha moción na que reclama a inmediata redacción do proxecto da nova autovía Vigo-Porriño, así como as correspondentes partidas orzamentarias e prazos de execución. Asi mesmo, reclaman a gratuidade da peaxe Vigo- O Porriño para que poida ser usada como vía alternativa ata que remate a nova infraestrutura.
O alcalde de Vigo avanzou esta mañá que o grupo de goberno presentará unha moción ao próximo Pleno municipal na que reclamará a inmediata a redacción do proxecto da autovía Vigo-O Porriño que anunciou nunha visita á zona o presidente do Goberno, Mariano Rajoy. Neste punto, esixiu dotación orzamentaria e prazos de execución para esta infraestrutura ao tempo que defendeu a gratuidade da peaxe do tramo Vigo-O Porriño para que se poida usar como vía alternativa ata que esa conexión non sexa unha realidade. En declaracións aos medios, instou tamén ao Goberno central a rematar os traballos de asfaltado que se están a realizar na actualidade nesta "perigosísima e dramática" sección da A55 e que non "deixan de ser un lavado de cara". Insistiu na necesidade de construír unha nova conexión entre Vigo e O Porriño, unha infraestrutura que tería unha parte de túnel, a que enlaza desde Baruxáns e vai directo a Porriño para conectar de novo coa autovía a Madrid. Caballero insistiu que non "non nos conformamos cun asfaltado" senón que é precisa unha nova infraestrutura que elimine as curvas. Lembrou que Vigo é a única cidade europea importante na que se entra por unha vía con tramos limitados a 60 km/hora, o que xera situacións moi "perigosas".