Escoitar

O goberno de Vigo conclúe tres parques infantís e promove outros nove por máis de 3,2 millóns

Abel Caballero informou da conclusión dos recintos infantís de Beade, do Vixiador e da oficina municipal de Teis. O Concello ten ademais en obras o "macro parque" de Venezuela e tramita novos en Barreiro, Bouzas, Independencia, Navia, Pedro Alvarado, Praza Elíptica, rúa Coruña e Jenaro de la Fuente.

luns, 29 xan 2018
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este luns do remate das obras nos parques infantís do Vixiador, de Beade (cun investimento de 60.000 euros) e da oficina municipal de distrito de Teis (con máis de 53.000 euros). O de Teis é unha actuación "importante" nun recinto de case 300 metros cadrados e con elementos como un circuito de habilidades, un carrusel xiratorio, unha ponte de balanceo, dous pórticos de columpios, unha casiña de xogos con paneis didácticos e un sistema anticans que impide o acceso destes ao parque.

O Concello de Vigo, recordou o rexedor, ten xa en obras o novo "macro parque infantil" da rúa Venezuela, no que inviste case 600.000 euros. En fase administrativa están os futuros de Barreiro, da Praza Independencia, Pedro Alvarado, Praza Elíptica e Navia, todos estes en proceso de adxudicación. O goberno que dirixe Caballero agarda pola autorización de Patrimonio para outro parque infantil en Bouzas.

Estes novos espazos para os máis pequenos suman un investimento municipal superior aos 3,2 millóns de euros, segundo adiantou o alcalde, quen avanzou que o Concello, a maiores do nomeado investimento, tramita facer novos parques infantís tamén na rúa Coruña e en Jenaro de la Fuente. "Estamos prestando unha atención especial aos parques infantís", aseverou Caballero, "e de forma concreta aos de Teis", en referencia ao recentemente concluído na oficina municipal de distrito e ao de Pedro Alvarado.