Escoitar

O Concello revisará a circulación de camións por Teis se a Xunta non se compromete coa conexión da avenida de Bos Aires co centro

O goberno local revisará as autorizacións dos 800 vehículos pesados que a diario circulan por Sanjurjo Badía se a Xunta non inclúe nos orzamentos unha partida para converter en urbano o tramo da AP9 desde Bos Aires. Neste mesmo senso, Caballero fixo súa unha petición de usuarios do Porto de reclamar a exención da peaxe para o transporte de mercadorías.

venres, 27 out 2017
Caballero reiterou esta mañá a súa vontade de revisar as autorizacións dos transportes de mercadorías que circulan a diario por Teis desde industrias do entorno da cidade, se a Xunta non da mostra de compromiso coas obras de conexión directa da avenida de Bos Aires co centro de Vigo que reiteradamente lle ten solicitado o Concello. Se a Xunta non inclúe nos seus orzamentos unha partida "razoable" para redactar e contratar o proxecto de conversión en urbano do tramo da AP9 desde Bos Aires, o goberno local someterá a revisión a circulación dos vehículos pesados de 160 empresas -as autorizadas na actualidade- que poden supoñer o tránsito de 800 camións ao día por Sanjurjo Badía.

Caballero recriminou á Xunta a súa inacción neste tema xa que tampouco toma medidas sobre a gratuidade da autoestrada para estes vehículos pesados, una reclamación adoptada por unanimidade polo Consello de Navegación do Porto da que se deu conta no Consello de Administración da Autoridade Portuaria. En posterior rolda de prensa, o alcalde fíxose eco da reclamación dun colectivo que aglutina a distintos sectores da cidade vencellados co Porto de Vigo.

Rande
O rexedor tamén criticou a inacción da Xunta en relación aos atascos e retencións quilométricas como a que hoxe venres se viviu na ponte de Rande, usuarios que foron obrigados a pagar a peaxe igualmente. Esixiulle a adopción de medidas diante do Ministerio de Fomento e recriminoulle permanecer impasible ante situacións que poñen en risco ás persoas, quebran a súa economía e xeran incomodidades insoportables.