Escoitar

O Concello desenvolverá unha campaña informativa para fomentar o aforro de auga

O rexedor explicou que a alerta activada pola seca inclúe "atención, prudencia e aforro" e demanda á Xunta de Galicia a construción dunha acometida para derivar auga dos ríos Verdugo e Oitavén á présa de Eiras.

venres, 27 out 2017
Tras decretar a fase de alerta contemplada no Plan de Emerxencia Municipal en situación de seca, o goberno local tomou diferentes medidas, entre as que se inclúe o envío de cartas a todos os alcaldes dos municipios que se abastecen desde Vigo para que adopten medidas de aforro.

Segundo explicou Abel Caballero, as misivas foron enviadas a Redondela, Cangas, Moaña, Soutomaior, Porriño, Gondomar, Mos, Nigrán e Salceda que deben ter coñecemento de que queda auga para pouco máis de 100 días, algo que "na pluviosidade normal é tempo suficiente pero que dada a seca excepcional" que vivimos non se pode garantir nestes momentos.

O alcalde explicou que a fase de alerta activada inclúe "atención, prudencia e aforro" e unha cuestión importante "a notificación cidadá". Por iso o Concello iniciará unha campaña de comunicación para fomentar o aforro razoable no consumo que todas as vivendas de Vigo e dos municipios abastecidos por Eiras e Zamáns deben tomar. As dúas présas, de propiedade municipal, prestan servizo a 458.362 persoas das que pouco menos de 300.000 sonde Vigo e o resto dos outros municipios citados. A esta cifra cómpre sumar outros 150.000, procedentes do consumo industrial, o que sitúa o número de usuarios por encima dos 600.000.

Ademais, Caballero solicítalle á Xunta de Galicia a "construción urxente dun azud na confluencia dos ríos Oitavén e Verdugo cara a présa de Eiras", unha petición que xa realizara no ano 2011 e que non foi atendida pero que permitiría maior afluencia de auga coas excedentes desta conca. Para iso, demanda unha reunión urxente na que abordar a posibilidade de realizar esa construír esa acometida para trasladar auga en previsión de que se prolongue a seca.