Escoitar

O Concello investirá 3 millóns de euros no novo pavillón deportivo de Matamá

O alcalde explicou que a nova dotación ocupará unha superficie de 2.500 metros cadrados e inclúe praza pública, zona verde e aparcamento. Ademais, o goberno local cede o uso de instalacións deportivas aos centros escolares por un valor de case 50.000 euros.

xoves, 26 out 2017
A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves o proxecto técnico de construción dun novo pavillón deportivo na rúa Manuel Cominges de Matamá que ten un orzamento de execución de 3.446.000 euros e ocupará unha superficie de 2.500 metros cadrados. Abel Caballero explicou que o Concello urbanizará o resto do ámbito para dedicalo a espazo libre: praza de uso público, zona verde e aparcamento. Amais, sinalou que a obra precisa a modificación da cualificación do terreo para que sexa un espazo de uso público colectivo, polo que se solicitará que sexa desenvolvido conforme á Lei 3/2016 de urxencia ou excepcional interese público.

Ademais, na sesión deste xoves quedaron aprobados os convenios de colaboración do Concello con varios centros educativos para a cesión de instalacións deportivas municipais para a práctica de deporte, que ascenden a case 50.000 euros. En virtude dos convenios, o IES Teis utilizará o Pavillón Municipal de Teis que ten un valor de 7.600 euros, o IES San Tomé de Freixeiro empregará o pavillón municipal do Carme nas Travesas -valor de 6.200 euros-, o IES A Guía usará o pavillón de Teis, a piscina e a pista de tenis que ten un importe de 11.000 euros; o IES Santa Irene usará o complexo municipal de Travesas, cun importe de 11.000 euros, e o CEIP Altamar usará as Travesas cun valor de 9.500 euros.