Escoitar

Benestar Social financia vivendas terapéuticas para reinsertar drogodependentes

mércores, 26 feb 2003
imx2379.jpg
García, Sío e Avendaño
A concelleira Belén Sío e a presidenta de Érguete, Carmen Avendaño, asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento dun programa de apoio residencial para drogodependentes.

Os beneficiarios deste programa serán un colectivo de persoas que reciben asistencia e precisan medios para a reinserción social. ”Preténdese que tanto toxicómanos como ex-toxicómanos consigan maiores graos de autonomía persoal e saúde, necesarios para a súa incorporación á vida activa”, explicou Sío.

O Concello de Vigo investirá 9.015 euros durante o 2003 e a Fundación Érguete achegará fondos para o mantemento das tres vivendas que acollen unha media de 16 usuarios de forma continuada. Sío cualificou este investimento como social e economicamente rendible.

Vigo dispón de tres pisos tutelados con estas características que inciden na reeducación dos hábitos cotiás como normas de convivencia, hixiene, interrelación, habilidades sociais, vida saudable (dieta equilibrada, exercicio, hixiene do sono), organización do tempo libre (ámbito familiar, cultural e deportivo) e na administración económica.

Xunto coa permanencia nos pisos terapéuticos, os seus usuarios asisten a un programa de formación laboral, obradoiros de emprego e actividades culturais e deportivas destinadas a fomentar a integración sociolaboral das persoas. O Real Club Celta, Caixanova e Caixa Galicia participan nesta programación.

Os drogodependentes permanecen un máximo de 123 días de media e dispoñen do apoio de dous educadores por piso. No 2002 rexistráronse tres expulsións e dúas altas e teñen de 25 a 40 anos. Estudiantes da Uned participarán na formación das persoas usuarias das vivendas froito da sinatura dun protocolo de colaboración.

Carmen Avendaño sobranceou o índice sostido de delictos na cidade de Vigo desde hai 10 anos debido aos labores de prevención, á sensibilidade do Concello e ao traballo das asociacións que traballan no Plan Local de Drogodependencias e outras Adiccións.
Descargar todas as imaxes