Escoitar

O Concello adxudica a limpeza dos 53 colexios públicos e escolas municipais por 11,3 millóns

O goberno de Vigo, informou este luns Abel Caballero, validou a clasificación de ofertas -antiga adxudicación provisional- para a contratación deste servizo por catro anos e un importe de 11,3 millóns.

luns, 23 xan 2017
Nunha Xunta de Goberno Local celebrada o pasado venres, o Concello de Vigo aprobou a clasificación de ofertas -antiga adxudicación provisional- para a contratación do servizo de limpeza dos colexios públicos e escolas municipais de Vigo.

Segundo revelou o alcalde este luns, este "moi importante" contrato foi adxudicado á empresa Mantelnor Limpezas por 11.323.000 euros. A empresa propuxo unha baixa do 7,5% sobre o importe de licitación e oferta ademais unha bolsa de 3.100 horas anuais sen custo adicional para o Concello.

Abel Caballero valorou que, "soamente en limpeza de colexios público, o Concello paga 2,8 millóns euros ao ano", como "unha parte" da contribución municipal á educación. O alcalde engadiu que o goberno vigués saca o concurso por catro anos, prorrogable por outros dous anos, e inclúe a limpeza de 53 colexios públicos e escolas municipais da cidade.

FEMP
O pasado venres, o goberno vigués tamén aprobou solicitar unha subvención de 20.000 euros á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para o programa de fomento da conciliación a través do Servizo municipal de Atención Domiciliaria á Infancia. Vigo opta ao apoio cun proxecto que conta con 117.000 euros de orzamento, apuntou Caballero.