Escoitar

O Concello programa 25 espectáculos para público de todas as idades no Auditorio Municipal

Desde o venres 3 de febreiro ata o 30 de abril, o Concello programará 25 espectáculos diferentes e 29 funcións no Auditorio Municipal, dentro do cartel de Vigocultura. Serán 24 grupos artísticos os que ofertarán propostas para todo tipo de público.

venres, 20 xan 2017
1484917270vigocultura.jpg
O Concello de Vigo presenta a programación municipal de artes escénicas Vigocultura que se desenvolverá no Auditorio Municipal do Concello dende o venres 3 de febreiro ao domingo 30 de abril, ambos inclusive. Tras o éxito acadado no 2016 en canto ás cifras de asistencia, vólvese a apostar para o ano 2017, dentro das liñas de programación que veñen sendo habituais, por incluír espectáculos con novas linguaxes e formatos escénicos nunca vistos até o momento na programación do auditorio. Neste semestre haberá un total de 24 grupos e compañías programadas, con 25 espectáculos diferentes e 29 funcións.

A programación para este semestre, composta por espectáculos de rúa, música, monicreques, teatro, comedia, danza, teatro de máscara e circo, comezará co espectáculo de rúa "Fitness", de Ibuprofeno Teatro, o venres 27 de xaneiro ás 18,00 h cunha aloucada e frenética muller adicta ao fitness, que desde a praza da Princesa até a farola de Urzáiz, dará unha clase colectiva de "ximnasia" presentando a programación de Vigocultura aos viandantes.

O venres seguinte, día 3 de febreiro, comezará a programación no Auditorio Municipal do Concello coa actuación de Radio Cos, o grupo de Xurxo Fernández e Quique Peón, que presentarán o seu novo disco "Pasatempo". O venres 10 de febreiro, a compañía viguesa Artello Teatro presentará na súa cidade o espectáculo "Non toques os meus círculos", espectáculo que obtivo a Mención de honra á posta en escena na Final de Ciencia en Acción 2016.

Compañías como Chévere, ButacaZero, Teatro de Ningures (conmemorando o Día Internacional da Muller), Voadora, Ilmaquinario, Kulunka Teatro, a compañía arxentina Criolla, Ibuprofeno (coa obra O Furancho, Premio María Casares 2016 ao Mellor Vestiario, Finalista nos Premios María Casares 2016 ao Mellor Autor e Premio Fetega ao Mellor Espectáculo e Mellor Actriz con Isabel Risco), Excéntricas (conmemorando o Día Internacional do Libro, co primeiro espectáculo de Valle-Inclán traducido ao galego da historia, A cabeza do Dragón, e dirixida por Quico Cadaval, que tamén está no elenco), e Traspediante e Pistacatro (Día Internacional da Danza), completan a programación adicada ao público adulto, que terá lugar os venres ás 21,00 h.

En canto á programación para toda a familia, que se desenvolverá os domingos ás 12,00 h, comezaremos con música con "A Nena Que Quería Navegar", de Redrum Teatro; completan a programación as compañías Expresión Produccións, Galitoon (espectáculo coa técnica da luz negra), Farrés Brothers&Cia (viaxe en globo "estático", Premio Feten 2016), Limiar Teatro, Las Tricotouses (danza), Avoayouja (espectáculo para os máis pequeniños), Ghazafelhos, La Canica (conmemorando o Día Mundial do Libro Infantil e Xuvenil, Premio Feten 2016 ao mellor Espectáculo de Títeres), Perez&Fernandez (espectáculo infantil revelación no ano 2016 no panorama do teatro galego), Artestudio (conmemorando o Día Internacional do Libro, merecida homenaxe a Agustín Fernández Paz) e Otradanza.


O custe da programación Vigocultura para este primeiro semestre é de 90.000 €, dos que AGADIC achegará un total de 30.000 €


Prezos
Os prezos dos espectáculos seguen a normativa establecida tanto pola Rede Galega de Teatros e Auditorios como polas ordenanzas fiscais municipais. Así, os prezos das entradas para os espectáculos para adultos son de 5 e 8 €, dependendo dos cachés das compañías e grupos, e os dirixidos a público familiar de 3 e 5 €, polo mesmo criterio.

As entradas poderán adquirirse anticipadamente a partir de hoxe (sen gastos de xestión, ao mesmo prezo que no despacho de billetes), a través da páxina web de Ticketea, no teléfono 902.044.226, na Central de Espectáculos (r/ Velázquez Moreno, 26), ou o mesmo día do espectáculo no despacho de billetes do auditorio, a partir dunha hora antes do comezo (sempre que houbese entradas dispoñibles).

Os abonos para a programación deste periodo pódense combinar entre todos os espectáculos en paquetes de 5 ou 10 espectáculos, con importantes descontos do 15 e 25 % respectivamente.

No ano 2016, a programación "Vigocultura" tivo un total de 9.000 espectadores, sendo os espectáculos mellor valorados polos espectadores o Monólogo do imbécil, da compañía Eme2 Emocion&Arte, Kepa Junkera&Sorginac en concerto e The Funamviolistas, no que respecta a público adulto, e Chíos, espectáculo para bebés da compañía Teatro da Semente, Chefs, da compañía Yllana, e Invención, do grupo Odaiko, en canto ao público familiar.
Descargar todas as imaxes

Máis información