Escoitar

O goberno de Vigo adica 869.000 euros á contratación de 128 persoas de difícil empregabilidade

O alcalde informou este venres da aprobación da convocatoria de selección dos beneficiarios do plan municipal "Vigo Emprega", que, na súa primeira quenda, contratará a 128 profesionais -de colectivos con difícil inserción laboral- para realizar traballos na cidade.

venres, 20 xan 2017
A Xunta de Goberno Local deu este venres luz verde á convocatoria de selección de persoas candidatas a beneficiarias do programa de emprego municipal "Vigo Emprega", segundo trasladou en declaracións aos medios Abel Caballero.

O Concello adica 869.000 euros para a primeira quenda do programa, orzamento que permitirá a contratación de 128 profesionais de distintos campos: auxiliares administrativos, capataces, oficiais albañís, carpinteiros, fontaneiros, xardineiros, peóns xardineiros-forestais e da construción, entre outros.

O persoal beneficiario do programa municipal -que procede do Servizo Público de Emprego- será preferentemente de colectivos con dificultades de inserción laboral, como discapacitados, menores de 30 anos e maiores de 45, mulleres e parados de longa duración.

Caballero avanzou que os traballadores e traballadoras contratados farán obras na cidade, como construción de beirarrúas, limpeza de maleza en parroquias, melloras no Parque Central e en zonas verdes. O rexedor vigués fixo especial fincapé nas reformas que acometerá o persoal do "Vigo Emprega" en colexios, como por exemplo ampliación de comedores escolares e o acondicionamento dos baños nos colexios Balaidos, Eduardo Pondal, Santa Tegra, Carballal, Pardo Bazán, Carrasqueira, Valadares Igrexia, Lope de Vega, Vicente Risco, Escultor Acuña e Canicouva.

Vigo en Inglés
O goberno vigués tamén prorrogou os contratos do programa municipal "Vigo en Inglés" de inmersión lingüística no estranxeiro. O alcalde anotou que se trata dunha iniciativa "de moita aceptación" e esta continuidade do servizos suporá case 1,3 millóns de investimento para conceder 570 bolsas de estudos ao alumnado da ESO.

Para este ano, recordou Abel Caballero, o Concello de Vigo dispón dun total de 750 vacantes para alumnos e alumnas da ESO e tamén da Escola Oficial de Idiomas da cidade, na súa gran maioría para estudar inglés fóra das nosas fronteiras.