Escoitar

Caballero celebra a cesión e humanización "de xustiza" da Estrada Provincial

O alcalde e Carmela Silva asinaron o convenio polo que a Deputación Provincial cede ao Concello a rúa Emilia Pardo Bazán que será humanizada cun orzamento de tres millóns de euros coa mesma calidade que os resto de viais da cidade.

venres, 30 dec 2016
1483105765provincial.JPG
Tras a sinatura do documento, Abel Caballero referiuse a este venres como un "día histórico" logo de 50 anos de espera da cidade por un "convenio de xustiza" que permitirá humanizar esta "gran rúa como corresponde".

O rexedor engadiu que se trata dunha demanda da veciñanza que mantivo o Concello e que, agora, pode verse cumprida grazas á cooperación da Deputación que permite "avanzar mediante o diálogo". Por iso agradeceu á súa presidenta, Carmela Silva, este novo paso "na marcha histórica da cidade" e puxo en valor o "avance inenarrable e o paso extraodrinario" que supón para Vigo o goberno actual da Deputación.

Carmela Silva destacou a importancia da xornada porque a humanización da rúa Emilia Pardo Bazán era un "dereito que tiñan as veciñas e os veciños que hoxe ven cumprido" podendo vivir en espazos dignos con calidade e seguridade. Avanzou que a obra, que se realizará cos mesmos estándares de calidade que as do centro da cidade, comezará de forma inmediata e rematará no ano 2018 cun orzamento de tres millóns de euros, que financiará na súa meirande parte a institución provincial.

No acto de sinatura do convenio tamén estiveron presentes Uxío Benítez, deputado provincial de mobilidade e infraestruturas, e os edís David Regades e Ángel Rivas.
Descargar todas as imaxes