Escoitar

Caballero anima á cidadanía a propor medianeiras para o programa de arte urbana

O goberno de Vigo reserva medio millón de euros para a terceira edición desta iniciativa municipal de arte urbana, que embelece as medianeiras da cidade. O alcalde invitou á cidadanía a propoñer novos espazos. A previsión do Concello e decorar no 2017 entre 15 e 20 novas medianeiras.

venres, 30 dec 2016
Abel Caballero recordou este venres que o programa municipal de embelecemento de medianeiras e arte urbano xa está en marcha na súa edición de 2017 e o goberno de Vigo atópase actualmente na fase de selección das entre quince e vinte medianeiras que se decorarán no ano entrante.

O alcalde animou á cidadanía a propoñer ao Concello espazos dos que dispoñan ou coñezan e consideren aptos para sumarse a esta iniciativa, porque o seu "éxito" é "excepcional", como "forma de transformar o feísmo en arte urbana".

De cara ao 2017, o goberno de Vigo elevou a medio millón de euros a cuantía para este programa, que inclúe o embelecemento de medianeiras e numerosas accións complementarias, por exemplo con centros educativos e socioculturais.