Escoitar

O Concello destina 100.000 euros ao convenio de emprego con Conxemar

Este programa de axudas enmárcase no Plan de Emprego Municipal ao que o goberno de Vigo dedica "máis de 4 millóns de euros" para crear postos de traballo. Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou a clasificación de ofertas para a dotación de mobiliario da UNED e a humanización da rúa Bueu cun presuposto superior aos 800.000 euros.

xoves, 29 set 2016
Abel Caballero informou hoxe da aprobación, por parte da Xunta de Goberno Local, do convenio de colaboración de Conxemar que, cun importe de 100.000 euros, quere "seguir no apoio" á feira de pesca conxelada máis importante do mundo e que move unha grande cantidade de recursos, segundo explicou o alcalde, situando a Vigo como capital mundial da pesca de forma permanente durante a súa celebración.

A axuda a Conxemar enmárcase no Plan de Emprego municipal que con "máis de 4 millóns de euros" xera 450 postos de traballo a través de diferentes programas que "constitúen a parte central da política que queremos aplicar" como é o caso do Vigo Emprega, os convenios con Érguete para os coidadores de barrio ou Citroën e as axudas á creación de empresas, a mozos emprendedores, ONGŚ ou coworking. A estes programas, apunta Caballero súmanse "as políticas de emprego keynesianas que aplicamos cunha previsión de inversión de 27 millóns de euros" este ano en obras na cidade.

Mobiliario da UNED e humanización da rúa Bueu
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a clasificación de ofertas para a contratación do subministro de mobiliario da nova aula da UNED de Vigo cando están "a piques de finalizar as obras", financiadas pola Deputación de Pontevedra que achega 800.000 euros tamén para o mobiliario, en virtude do convenio asinado co Concello. Caballero destacou a "marabilla de poder avanzar en conxunto desde a cidade coa Deputación ao lado", especialmente no ámbito da universidade xa que a UNED, apuntou, "era unha grande demanda" en Vigo. A nova sede da UNED no Auditorio Mar de Vigo dispoñerá de tres plantas e a "meirande" biblioteca da cidade con 500 mesas dispoñibles para estudo e lectura. Nese espazo van impartirse 13 titulacións: Dereito, Enxeñería en tecnoloxías da información, Enxeñería informática, Turismo, Educación Social, Estudos Ingleses: lingua, literatura e cultura, Administración e dirección de empresas, Ciencias Ambientais, Psicoloxía, Ciencia Política e da Administración, Pedagoxía, Xeografía e historia e Historia da Arte.

Ademais a Xunta deulle o visto bo ao proxecto de humanización da rúa Bueu que, cun presuposto superior aos 800.000 euros, renovará esta vía que, a xuízo do rexedor, estaba "moi deteriorada e abandonada" cambiando o pavimento, reordenando os espazos, renovando as instalacións de alumeado e rego, mellorando a xardinería e o mobiliario e creando un parque biosaudable para os maiores, que seguen sendo xunto cos parques infantís "un obxectivo da cidade".