Escoitar

Caballero valora a "enorme profesionalidade" da unidade Costa e Praia da Policía Local

O rexedor vigués acudiu este martes á praia de Samil, onde saudou aos dezaseis efectivos que conforman a unidade Costa e Praia da Policía Local, parte dos máis de oitenta profesionais que traballan na seguridade, salvamento e socorrismo nos areais de Vigo, ata o 15 de setembro.

martes, 28 xuñ 2016
1467118490policia.jpg
O alcalde de Vigo subliñou este martes o "operativo francamente bo" que ofrecen os dezaseis efectivos da unidade Costa e Praia da Policía Local, que atenden aos areais da cidade con base en Samil. Caballero valorou ademais a "enorme profesionalidade e o nivel de querenza cidadá" destes axentes, como sinala a experiencia de veráns anteriores.

O servizo municipal de seguridade da Policía Local ofrece "cobertura total en todas as praias de Vigo", non soamente nas nove que contan coa bandeira azul, e inclúen tamén as Illas Cíes, con entre catro e seis axentes durante a fin de semana (de venres a domingo, pernoctando alí) e con dous efectivos nas xornadas de diario.

Xunto á unidade Costa e Praia, o Concello suma este ano outros 65 profesionais para o salvamento e o socorrismo nas praias viguesas, do 15 de xuño ao 15 de setembro, adicando ao efecto case medio millón de euros, sen contar a participación da Policía Local, segundo informou Abel Caballero esta mañá.