Escoitar

Silva felicita á cidade pola consecución do novo edificio da Tesourería da Seguridade Social

A tenente de alcalde, Carmela Silva, participou este luns no acto de colocación da primeira pedra do futuro inmoble, no solar da Metalúrxica, en García Barbón, e amosou a "enorme satisfacción e ledicia" da cidade pola construción da sede, obra que definiu como unha "nova batalla que gañan as viguesas e os vigueses".

luns, 14 mar 2016
1457963525tesoreria.JPG
No nome do alcalde de Vigo, Carmela Silva amosou esta mañá a "enorme satisfacción e ledicia" da cidade polo inicio da construción da nova sede da Tesourería da Seguridade Social en Vigo, no solar da antiga Metalúrxica na Avenida García Barbón. O acto celebróuse hoxe coa participación das ministras en funcións Fátima Báñez e Ana Pastor.

A tenente de alcalde viguesa e presidenta da deputación provincial asegurou que a obra é unha "gran nova" para Vigo, a recuperación dun "edificio histórico e moi querido" para erixir unha sede que será un "referente" na cidade. Silva enfatizou que a construción representa unha "nova batalla que gañan as viguesas e os vigueses" grazas á "forza e apoio" dunha cidade que "nunca se rende". "Os que non dan as batallas non as gañan", aseverou, "como nós as damos as gañamos sempre".

Carmela Silva explicou que o proxecto nace no 2005, coa adquisición dos terreos por 10,8 millóns segundo un acordo entre o Goberno de España e o Concello de Vigo, unha "mostra excepcional de colaboración institucional que se mantivo co cambio de goberno". A tenente de alcalde, anteriormente tamén concelleira de Urbanismo viguesa, recordou que o Concello tivo que prorrogar a licencia de obra ata en tres ocasións entre os anos 2013 e 2014.

"É de especial importancia para Vigo e toda a provincia", manifestou Silva, "porque dotará aos cidadáns dunha nova sede provincial acorde á demanda existente, que permitirá superar as dificultades das precarias instalacións actuais", ademais de reorganizar e urbanizar a súa contorna ao redor dun edificio histórico cuxa fachada se vai preservar.
Descargar todas as imaxes