Escoitar

O festival ALT'16 ofrece dez espectáculos na súa décimo quinta edición

O segundo tenente de alcalde, David Regades, presentou esta xoves a programación do Festival Alternativo das Artes Escénicas que trae a Vigo, ao longo de 5 xornadas, espectáculos de 10 compañías galegas, españolas e dúas internacionais cun espazo dedicado a dar visibilidade á creación das mulleres.

xoves, 3 mar 2016
1457012220ALT.JPG
O Concello colabora unha vez máis co Festival Alternativo das artes escénicas ALT'16, que terá lugar do 9 ao 13 de marzo, en distintos espazos de xestión municipal: Auditorio Municipal do Concello, Casa das Artes e salón de actos do MARCO. O Festival está organizado pola Asociación Cultural Noescafé Teatro e cumpre quince anos dende o seu nacemento, contando co apoio municipal de forma ininterrompida.

A programación foi presentada este xoves por David Regades, segundo tenente de alcalde, quen salientou o apoio municipal ao festival "nunha aposta pola arte e a cultura porque sen cultura non hai cidade". Lola Correa, directora artística do ALT'16, reivindicou o carácter "contemporáneo e alternativo" do mesmo como parte da cultura viguesa.

O programa do ALT'16 contará coa participación de artistas galegos, de Madrid, Cataluña, Bélxica, Suíza, Andalucía, Valencia, Austria e Canarias; contará con estreas a nivel nacional como Vértebro Teatro, La sauna internacional e Vicente Arlandis, e Sonia Gómez&Javier Caro, así como a presentación en Vigo do último traballo da compañía galega máis recoñecida como é Matarile Teatro, con "El cuello de la jirafa". Ademais, presentará dúas estreas internacionais: Wooshing Machine, de Bélgica, e Iris Heitzinger&Editta Braun Company, de Austria.

En total serán dez compañías, entre elas varias residencias de traballos específicos para o festival, o que quere dicir que os/as artistas veñen uns días antes da súa actuación á nosa cidade para finalizar o seu proceso creativo, como é o caso de Louisa Merino, Mercé de Rande e Societat Doctor Alonso.

Nesta décimo quinta edición haberá unha experiencia especial o sábado día 12 ás 22:00 h, na que a compañía La sauna internacional e Vicente Arlandis pernoctarán no MARCO (Museo de Arte Contemporánea) co proxecto "¿Qué pasa cuando no pasa nada? ", ao que poderá acceder o público interesado, previa reserva.

O prezo da entrada para cada espectáculo será de 6 €, salvo excepcións indicadas no programa, podendo adquirirse nos propios espazos dende 45 minutos antes do comezo de cada función, ou ben reservarse telefonicamente no 655.096.646 (de 10:00 a 12:00 h e de 16:00 a 18:00 h).
Descargar todas as imaxes