Escoitar

O rexedor destaca o labor do Centro de Inclusión e Emerxencia Social ao que o Concello destina 700.000 euros anuais

O Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social (CIIES) celebrou este venres unha xornada de portas abertas na que o rexedor compartiu comida cos usuarios do centro, ao que o Concello destina 700.000 euros anuais, e salientou a aposta do seu goberno por poñelo en funcionamento "en plena crise" para aquelas persoas que o precisan.

venres, 18 dec 2015
1450460256albergue2.JPG
Abel Caballero visitou este venres o Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social (CIIES) no transcurso da xornada de portas abertas que desenvolven co fin de que a cidadanía poida coñecer de primeira man o seu labor e visite as instalacións.

O rexedor, que compartiu comida cos usuarios, explicou que o goberno municipal dedica ao CIIES 700.000 euros anuais para prestar servizos de comedor ao que as persoas que o precisen poden acudir todos os días, servizo de hixiene, de pernoctas e atención na rúa durante o día, entre outros. Segundo explicou, para as noites, fanse rotacións entre os usuarios, que se reparten entre este centro e o dos Irmáns Misioneiros dos Enfermos Pobres para que ninguén quede sen atender. Así, dixo, "en Vigo non dorme ninguén na rúa se quere durmir aquí. Este é un grande avance porque noutras cidades de España a xente dorme na rúa xa que non hai albergues", engadindo que isto é posible grazas á solidariedade viguesa que debe saber que "en plena crise abrimos este albergue".

Durante a visita, o alcalde relatou que acode periodicamente ao Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social para comprobar que se mantén a satisfacción dos usuarios e, preguntado por se era a primeira vez que comía nas instalacións, explicou que xa o fixera noutras ocasións, por exemplo, o día da súa toma de posesión como alcalde de Vigo no mes de xuño deste 2015, cando tivo a oportunidade de conversar cun home que estaba "na pobreza total" e do que, dixo, "aprendín moito".

Descargar todas as imaxes