Escoitar

O Pleno aproba por unanimidade a elaboración do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal

Os votos a favor dos tres grupos que conforman a Corporación Municipal deron luz verde á tramitación dun novo PXOM na sesión extraordinaria e urxente do Pleno celebrado este venres. O alcalde sinala que o goberno local rexistrou este luns día 14 de decembro a solicitude dos informes necesarios para iniciar a tramitación ante a Xunta de Galicia, o Goberno de España e a Deputación de Pontevedra.

venres, 18 dec 2015
O Pleno do Concello aprobou este venres por unanimidade a elaboración do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal, algo que o alcalde "celebra" que se faga coa conformidade de toda a Corporación. Con este acordo, hoxe comeza a tramitación dun novo proxecto "que non vai disentir no modelo de cidade definido no do ano 2008" pero que incluirá as modificacións precisas para a súa aprobación e que se fará "o antes posible", en palabras da concelleira de Urbanismo.

María Xosé Caride, expuxo na sesión plenaria que a sentenza do Tribunal Supremo non cuestiona a actuación municipal senón a motivación do informe presentado pola Xunta de Galicia para xustificar a inviabilidade da tramitación medioambiental e explicou que, tras avaliar a afectación do ditame no urbanismo vigués, o goberno local comezou a traballar tendo "moito avanzado para desenvolver o novo proxecto" cando só pasaron 18 días. Ademais, a concelleira explicou que na cidade hai proxectos estratéxicos que deben ser desenvolvidos por procedemento supramunicipal como o Polígono de Balaídos, o Parque Tecnolóxico e Industrial de Valadares e a estación Intermodal de autobús e tren.

Pola súa banda, a voceira do grupo popular, Elena Muñoz, considerou "necesario" o novo Plan e esixiulle rigor ao goberno municipal na elaboración do documento para que se "corrixan os erros" e que "conten con todos" neste proceso de traballo que se abre. Instou á concelleira de Urbanismo a que "pida perdón" e "dimita" pola súa actuación e cuestionou o futuro de proxectos como as vivendas de Navia, o barrio do Cura ou Porto Cabral tras a anulación realizada polo Tribunal Supremo.

Rubén Pérez de Marea de Vigo sinalou que na redacción do novo PXOM haberá que ter en conta que o modelo de cidade que contempla o do ano 2008 "está desfasado" polo que hai que "emendalo" considerando, por exemplo, a diminución da poboación, e apuntou que "estamos dispostos a empezar con informes e un diagnóstico socio- económico actualizado da cidade".

O voceiro socialista, Carlos López Font respondeu que "o goberno municipal solucionará esta cuestión "como sempre", mentres Elena Muñoz e o Partido Popular "están á contra" de solucionar o problema e acusouna de "alegrarse coa sentenza".

Petición de informes para a tramitación
Abel Caballero sinalou que coa ratificación da decisión tomada onte na Xunta de Goberno Local por parte do Pleno se adiantan "máis de tres anos de tramitación nun só día". En canto ás xestións realizadas polo Concello, o rexedor informou que dende este luns 14 de decembro están solicitados informes para o comezo da tramitación á Xunta de Galicia, ao Goberno de España e á Deputación de Pontevedra. Ao goberno autonómico, a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, do Instituto do Territorio e do Instituto Galego de Estadística foille pedida "toda canta información teña sobre todo aquilo que afecta ao municipio de Vigo,queremos un informe xenérico, información de estradas, auga, industria, Sergas; todo o que sexan as actuacións previstas da Xunta en Vigo" . Ao Estado, solicitóuselle a mesma información a través de la Delegación do Goberno en Galicia: aviación civil, ADIF, estradas e costas; con datos xeoreferenciados e á Deputación de Pontevedra pedíuselle a mesma información. Engadiu o alcalde que "a isto estamos; a aprobar o Plan e a resolver un problema creado pola Xunta de Galicia".