Escoitar

O Concello destina 600.000 euros anuais a obras nos centros educativos

O alcalde achegouse este venres ao CEIP Pintor Laxeiro onde se están acometendo obras de mellora da accesibilidade e a construción dunha aula de psicomotricidade. Durante a visita explicou que o Concello está realizando durante este verán traballos de reparación e mantemento en 28 centros educativos públicos vigueses.

venres, 4 set 2015
1441370372VisitaLaxeiro.JPG
Abel Caballero comprobou este venres a evolución das obras que se están acometendo no CEIP Pintor Laxeiro, onde se acondicionou a antiga vivenda do conserxe para transformala en aula de psicomotricidade e onde se está mellorando a accesibilidade do baño e erguendo un baño adaptado e un almacén para o servizo do centro. Ademais, o alcalde destacou a beleza do mural feito na entrada do centro coa participación do alumnado e coa colaboración do profesorado.

Sinalou o rexedor que o Concello dedica 600.000 euros anuais a obras nos centros educativos. Desta cantidade, 300.000 euros son autoxestionados polos directores e directoras para ir facendo obras de proximidade e necesidade que van detectando e 300.000 euros destínanse ás obras de verán, nun presuposto que, en atención a alumnado, ascende a "millóns de euros". Ademais, o alcalde explicou que a execución desta partida é do 100%, "o que quere dicir que é unha cantidade moi necesaria e lamento que a Xunta non exerza a súa obriga facendo as reformas necesarias".

Este verán son 28 os colexios nos que se está traballando para mellorar o seu estado e preparalos de cara ao inminente inicio do curso escolar. O rexedor vigués destacou, por exemplo, a obra xa rematada do comedor do García Barbón que "quedou moi ben". Ademais, rematáronse obras no Canicouva, Balaídos, Illas Cíes, Josefa Alonso, Vicente Risco, Ría de Vigo, Santa Tegra, Altamar, Sárdoma, Javier Sensat, San Salvador, Sobreira, Carrasqueira, Párroco don Camilo, Sello, Escultor Acuña, Eduardo Pondal, Valladares-Igrexa, Santa Mariña, Ría de Vigo, Lope de Vega, Candeán Igrexa e están rematando a execución de traballos en Valle-Inclán, Pombal, Monte Alba, Seis do Nadal e A Paz.
Descargar todas as imaxes